Adxudicada por medio millón de euros a rehabilitación do futuro centro social e de maiores do Picho
Por Redacción
A empresa Construcciones Castro Figueiro SLU encargarase de executar a obra de rehabilitación do futuro centro social e de maiores do Picho, transformando a antiga escola para este novo uso.
Así o acordou o Concello de Vilaboa, que acaba de adxudicar a obra por un importe de 537.341 euros e un prazo de execución de 9 meses para rematar os traballos.
Este proxecto de rehabilitación transformará a edificación existente acondicionándoa para ser utilizada por persoas maiores, acometendo os cambios interiores necesarios para garantir a accesibilidade universal e a eliminación de barreiras arquitectónicas.
O alcalde, César Poza, explica que os traballos comezarán nos vindeiros días e estarán rematados neste ano 2024. Lembra que se trata dunha infraestrutura "moi demandada pola veciñanza", xa que un dos seus usos principais será atender a alta demanda de atención no día a día das persoas maiores, "unha alternativa que facilitará a conciliación das familias da localidade".
A obra financiarase ao 80% a través do programa PON2030 da Deputación Provincial e a cantidade restante con fondos propios do Concello de Vilaboa.
Trátase dun edificio de dúas plantas situado nunha parcela de titularidade municipal cunha superficie de 863 metros cadrados no que se encontra tamén outra edificación auxiliar; todo está en mal estado de conservación debido ao desuso e que agora será recuperado. A estrutura do edificio, que foi a antiga escola unitaria do Picho e que no pasado acolleu tamén as oficinas da escola-obradoiro de emprego, será obxecto dunha reforma integral.
A actuación contempla tamén o acondicionamento de espazos exteriores como xardíns e zona de esparexemento ao aire libre.
Relacionadas:
-
O ano remata en Vilaboa cargado de obras, valoradas en máis dun millón de euros
Por Redacción |
-
Vilaboa xa ten os cartos para converter a escola do Picho nun centro de maiores
Por Redacción |
-
O goberno local mobiliza 1.687.824 euros en obras no que leva de mandato
Por Redacción |
-
Impulso á conversión da antiga escola do Picho nun centro de maiores
Por Redacción |
-
O Concello de Vilaboa transformará o antigo local do Picho nun centro social e de maiores
Por Oskar Viéitez |