Unha exposición percorre os momentos cruciais da loita pola xustiza social na Casa das Campás
Por Redacción
A Casa das Campás de Pontevedra acolle desde este xoves a exposición 'Xustiza social ao longo das décadas', un percorrido visual polos momentos cruciais na busca da igualdade, dende movementos civís ata vitorias lexislativas, cunha retrospectiva significativa sobre o fundador do Movemento Emaús Internacional.
A mostra, organizada pola asociación Boa Vida, súmase á conmemoración internacional do 70 aniversario do chamamento realizado polo Abbe Pierre en 1954. Estará aberta ao público ata o 9 de febreiro, de luns a venres en horario de 9.00 a 21.30 horas.
Inaugurouse cun acto no que estiveron presentes os concelleiros Silvia Junco (PP) e Marcos Rey (PSOE). Xunto con Pepa Vázquez, de Boa Vida, asinaron o chamamento elaborado pola entidade, que denuncia a situación de pobreza do 26% da poboación, e a imposibilidade de acceso a vivenda e alimentación digna.
Este manifesto pode asinarse nas tres tendas que a asociación ten na rúa da Seca e Santa Clara en Pontevedra e na rúa San Roque de Vilagarcía.
Con este manifesto, faise unha petición expresa aos partidos políticos con representación parlamentaria para que recollan nos seus programas electorais medidas concretas que palíen esta situación e pide á poboación que estea fora destas estatísticas que practiquen a reutilización, a redución e a reciclaxe, ademais de colaborar coas persoas que se atopan en dificultades.
Con motivo deste aniversario tamén se organizou a mesa redonda 'Desafíos actuais na procura da xustiza social', que reuniu a destacados expertos e líderes para abordar as complexidades contemporáneas na loita contra as desigualdades económicas, a discriminación racial e de xénero.
Relacionadas:
-
Entrega de xoguetes e lotes de roupa na inauguración da nova sede de Boa Vida
Por Redacción |
-
Solidariedade pontevedresa coas refuxiadas embarazadas ou con bebés lactantes en Atenas
Por Natalia Puga |
-
'Xoguetes e agasallos reciclados para un mundo máis sostible' na campaña de Nadal de Boa Vida
Por Redacción |
-
Boa Vida celebra dez anos loitando "contra a pobreza e a exclusión social"
Por Redacción |
-
Boa Vida, dez anos axudando a saír da pobreza e mellorar a sociedade
Por Redacción |