Plan de choque para mellorar o estado da Praza das Regas
Por Redacción
A Praza das Regas, no barrio de Valdecorvos, é o novo ámbito urbano no que se abordará unha actuación integral de mantemento para mellorar o seu estado de conservación.
Esta actuación, que se iniciou a mediados de febreiro cunha limpeza integral de todo o ámbito, retomouse coa reparación da beirarrúa que delimita a Praza das Regas ao carón dos edificios.
O Concello acordou reparar todo o lousado en mal estado, sobre todo polas raíces das árbores que están a desmontar as beirarrúas, e arranxar o bordo cara ao carril de circulación para que non resulte perigoso nin para peóns nin para condutores.
Ademais, está previsto pechar as escavas que xa non teñan árbores, xa que se trata dunha beirarrúa con moito arborado e a zona de sombra está suficientemente cuberta.
Ao mesmo tempo, acondicionarase un camiño de pés feito pola veciñanza no lado de enfronte da praza, que usan para atravesar dende a Rúa da Seca ás zonas verdes da Rúa da Sequiña.
Entre os labores está tamén a revisión de todo o mobiliario da praza. Colocaranse novos bancos no espazo máis asollado da praza e cara o novo parque canino e as papeleiras en mal estado serán substituídas por outras novas, modernas e de máis capacidade.
Estes labores de recuperación da praza compleméntanse co parque canino recentemente habilitado no fondo da praza das Regas. A instalación está practicamente rematada pero está pendente da conexión de auga para poñelo a disposición da veciñanza.