Lores fai o seu testamento vital e anima á cidadanía a inscribirse coma doante de órganos
Por Redacción
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, xunto coa edil de Benestar social, Anabel Gulías, iniciou este venres, 8 de marzo, na Delegación da Consellería de Sanidade da Xunta en Pontevedra o procedemento co fin de cubrir o documento de instrucións previas.
Que é este documento tamén coñecido coma testamento vital? É o documento no que unha persoa maior de idade, capaz e libre, manifesta anticipadamente a súa vontade sobre os coidados e tratamentos que podería precisar no futuro e sobre o destino final do seu corpo, co fin de que esta vontade sexa coñecida e respectada no momento en que non teña capacidade para manifestala.
Rexedor e concelleira estiveron acompañados por dous representantes da Asociación de Amigos de la Pontevedrada (Asampo), "que están a facer un labor extraordinario en favor da doazón de sangue e órganos", en palabras do alcalde.
"Quero que o día de mañá, nese intre no que a miña vida non sexa recuperábel, poidan ser utilizados os meus órganos por parte do Sergas e si permitirlle ou alongar a vida a outras persoas", dixo Fernández Lores.
O alcalde agradeceu o labor do colectivo pontevedrés neste eido e na súa aposta por convencer a todos os cidadáns para que inicien esta tramitación e poidan salvar vidas no futuro.
"Un corpo que xa non ten capacidade de recuperación pode darlle a vida a moitísimas persoas. Quero facer un chamamento a todos os cidadáns de Pontevedra para que cubran este documento de instrucións previas", dixo Lores.