'Camiñando Libres' ponse en marcha en centros de ensino de Soutomaior para educar en valores
Por Redacción
Baixo o nome de 'Camiñando Libres' nace un programa municipal de intervención socioeducativa en Soutomaior coa intención de que se establezan contidos para traballar co alumnado ao conectar os departamentos de Ensino e Mocidade do concello cos centros escolares.
A intención é fomentar propostas para traballar habilidades, coñecementos, vocacións científicas, tecnoloxía, matemáticas, apoio ao medio rural e respecto ao medio ambiente,
O servizo de OMIX en colaboración cos equipos directivos e profesorado de todos os centros do municipio elaboraron as actividades deste programa para atender as demandas da mocidade.
As liñas nas que se traballará quedan centradas en cinco puntos:
1. Explora, promove, educa. Analizaranse contidos relacionados coa natureza coa intención de fomentar a comprensión da contorna. Dentro desta liña inclúen as plantacións de árbores, animación á lectura ou concertos didácticos como o de Abraham Cupeiro ou o espectáculo teatral de Alberto Vilas.
2. Divulgaciencia. Este apartado buscará espertar a curiosidade e difundir contidos científicos e tecnolóxicos apostando pola experimentación, que se expoñerá a través da Feira de Ciencias. Entre outros puntos, buscarase que o alumnado teña interese polas profesións vinculadas ao sector do mar con atención especial ao sector produtivo da ostra.
3. Hábitos saudables. Terá como obxectivo evitar condutas de risco e enfrontar temas como as relacións afectivo sexuais; a igualdade, consumo de substancias nocivas para a saúde ou a pornografía, entre outras. Están previstos talleres en equipo e individuais para identificar condutas.
4. Aprendizaxe emocional. A idea será que a mocidade aprenda a autocuidarse emocionalmente para xestionar conflitos internos e co resto das persoas. Ofreceranse ferramentas para mellorar a calidade de vida en momentos de crises.
5. Discurso de odio. Ante o aumento deste fenómeno, especialmente a través da utilización dos medios de comunicación electrónicos e as redes sociais, o programa municipal quere combater este discurso con talleres para analizar as situacións e buscar solucións fomentando a unha mocidade crítica e empática. Tentarase realizar unha creación audiovisual que utilice as ferramentas de comunicación para potenciar valores democráticos, tolerantes e respectuosos.
Neste programa participan o Colexio de Romariz, Galiña Azul, CEIP M. Padín Truiteiro, IES Soutomaior, Colexio CPR Santiago Apóstolo e desenvolverase entre este mes de febreiro e o de xuño en todos estes centros.
Manu Lourenzo, alcalde de Soutomaior, afirma que Camiñando Libres é unha aposta para que a comunidade traballe en equipo coa idea de informar e formar aos estudantes amplificando o traballo diario que se realiza en cada familia e cada centro escolar.
Relacionadas:
-
A mocidade de Soutomaior infórmase de Noctámbulas e da Festa da Ostra
Por Oskar Viéitez |
-
O escritor Manuel Lourenzo pregoará a XXXVI edición da Festa da Ostra
Por Redacción |
-
Lourenzo quere recuperar os nove muíños de Daión
Por Redacción |
-
Dinamización lingüística cargada de espectáculos con 'Cóbados na xanela'
Por Redacción |
-
Concerto por triplicado do músico Abraham Cupeiro en Soutomaior
Por Redacción |