Campo Lameiro recibiu un impacto valorado en case un millón de euros por ser Capital do Turismo Rural
Por Redacción
Un ano despois de ser nomeada Capital do Turismo Rural de España, Campo Lameiro deberá ceder o testigo a un novo concello dos dez finalistas de toda España. Nesta ocasión, ningún é galego.
A candidatura e nominación de Campo Lameiro supuxo, segundo os datos do portal EscapadaRural emitidos polo Concello, "un impacto" en imaxe en medios de comunicación especializados e xeneralistas de todo o Estado valorados en preto de un millón de euros.
Neste sentido, o alcalde Carlos Costa indicou que "é para nós unha honra ser o primeiro concello galego que consegue esta distinción e tamén porque fumos quen de situar un pouco máis no mapa de España e do mundo ao noso concello ao tempo que logramos unha promoción en medios de comunicación especializados e xeneralistas que doutro xeito seríanos imposible de conseguir e tamén moi custoso se tiveramos que pagalo a través de publicidade institucional".
"Foi toda unha aventura que non remata aquí", sinalou, "xa que esta distinción acompañaranos toda a vida e xa é un fito histórico e un logro de todos os veciños e veciñas de Campo Lameiro que souberon conquistar o corazonciño de toda España".
De feito, membros de EscapadaRural salientaron durante a presentación a importancia decisiva do factor humano protagonizado durante o pasado ano polos veciños e veciñas de Campo Lameiro que coa súa implicación despertaron o interese e a empatía de toda España favorecendo así a súa victoria.
As redes sociais do portal rexistraron máis de 5 millóns de impactos relacionados con Campo Lameiro e a Capital do Turismo Rural de España e o nivel de coñecemento entre os internautas sobre o municipio acadou cifras históricas nunca antes coñecidas e que marcan un fito na promoción turística do concello.
Aínda que este ano terá que entregar o testemuño a un dos dez nominados, o municipio pontevedrés manterá como vitola de calidade na súa oferta turística o fito de ser o primeiro concello galego en contar con esta distinción que agora poden conseguir Altura (Castellón), Artajona (Navarra), Briehuela (Guadalajara), Cabezuela del Valle (Cáceres), Cómpeta (Málaga), Enciso (La Rioja), Peñafiel (Valladolid), Sant Hilari Sacalm (Girona), Santa Eulalia de Oscos (Asturias) o Vilaflor (Santa Cruz de Tenerife).
Relacionadas:
-
Campo Lameiro presumirá de Capital do Turismo Rural en Fitur
Por Redacción |
-
Campo Lameiro celebra cunha xornada de festa o seu nomeamento como Capital do Turismo Rural 2023
Por Redacción |
-
Campo Lameiro erixirá un tótem e celebrará cunha festa popular a súa distinción como capital do turismo rural
Por Redacción |
-
Obxectivo cumprido: Campo Lameiro será a Capital do Turismo Rural 2023
Por Alejandro Espiño |