O paseo dos Gafos deixa de estar a escuras con 40 farois de aceiro
Por Redacción
O paseo do río dos Gafos entre a estación de autobuses e a rúa Alcalde Hevia deixa de estar a escuras. Esta senda peonil tiña pouca iluminación nos últimos tempos, coa conseguinte situación de perigosidade para os usuarios e veciños da zona, pero o Concello acaba de poñerlle solución co cambio de farois.
A actuación consistiu no cambio a led de toda a iluminación. En total, cambiáronse 40 luminarias e, nalgúns casos, os mastros que estaban deteriorados.
A Concellaría de Servizos urbanos básicos realizou esta intervención en distintas fases, xa que os traballos obrigaron a retirar a parte superior dos farois de aceiro cortén para substituír as luminarias. Para non deixar todo o paseo a escuras e eliminar os poucos farois que funcionaban, optouse por ir cambaando por partes.
Desde o Concello de Pontevedra explican a través dun comunicado que a intervención na iluminación da senda urbana dos Gafos "era un dos traballos que estaba priorizado por parte do concelleiro Xaquín Moreda para ir recuperando a boa imaxe do paseo" logo de "varios anos sen case mantemento".
O Concello indica que a falta de orzamento e o mal tempo condicionaron os ritmos das reparacións, que poderán incrementar coa chegada da primavera e a entrada en vigor das contas municipais de 2024.
O mantemento no Gafos "obedece á orde dada polo alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, para que o tramo urbano do Gafos vaia recuperando o seu esplendor de anos atrás", sinala o Concello, xa que se trata dun dos espazos máis visitados e empregados polos veciños de Pontevedra.
Nos últimos meses, o Concello reparou e abriu a pasarela peonil de madeira por debaixo da avenida da Estación que une a senda do Gafos con Josefina Arruti; reconstruíu o muro pétreo da canle do Gafos para evitar que as augas do río saíran do seu leito e afectasen á senda urbana; mellorou parte da senda de xabre, especialmente naqueles puntos máis perigosos; reparou e limpou os tramos da cuberta do Gafos que permanecen pechados pola súa perigosidade e que se manterán así até apertura do río; reparou a pasarela instalada ao carón do CEIP Campolongo, afundidada por unha varredoiro de Prezero.