Inaugurada a vía perimetral do Hospital Montecelo
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
Cun paseo a pé de autoridades quedaba inaugurado este martes 26 de marzo a vía que rodea o Hospital Montecelo, unha circunvalación cuxa apertura ao tráfico está prevista entre a tarde desta xornada e a mañá do mércores 27.
Esta nova vía conecta a través de dúas rotondas a contorna da Cidade Príncipe Felipe coa rúa Ángel Limeses, nas proximidades ao punto onde finaliza o actual aparcamento público de Montecelo.
Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra; Rafa Domínguez, vicepresidente da Deputación; Agustín Reguera, delegado territorial da Xunta; e José Flores, xerente da área sanitaria, destacaban a importancia que tivera a colaboración institucional entre as distintas administracións para acometer esta obra.
José Flores recoñecía que esta apertura aumenta as posibilidades de circulación ao centro hospitalario coa incorporación nos próximos meses dos viais frontais de Montecelo.
Pola súa banda, Rafa Domínguez destacaba que a obra, realizada polo Concello, tivera algúns problemas e "pola lealdade institucional puido sacarse adiante". Tamén fixo referencia ao investimento que a Xunta de Galicia está a levar a cabo en Pontevedra cos 200 millóns de euros destinados á construción do Gran Montecelo: "é unha aposta polos pontevedreses", afirmou sinalando que a finalización da obra do novo edificio está prevista para finais de 2024.
Na mesma liña falaba Agustín Reguera na inauguración deste tramo de 850 metros para ofrecer servizo ao novo edificio hospitalario que "está practicamente ao 75% da construción" e sinalou que é "un gran día para Pontevedra e a comarca".
Miguel Anxo Fernández Lores expuxo que o Concello de Pontevedra cumpre cos convenios e móstrase con esta obra orzada en 1.161.479 euros.
O alcalde cuantificou en 16 millóns o investimento realizado polo Concello en toda a obra do Gran Montecelo. Sumou a este investimento para o vial as expropiacións realizadas para que a Xunta acometese a obra do Gran Montecelo e a posta en marcha doutro tipo de servizos como o abastecemento sen bombeo desde Castrosenín para o Gran Montecelo; mellora da rede de sumidoiros, recollida de pluviais en Marcón, acometida eléctrica con ampliación e nova acometida que permita unha alternativa no caso de que unha falle.
Sobre a nova vía lembrou que a velocidade está limitada a 30 km/h; conta con varias rotondas, pasos de peóns elevados e iluminación adecuada para evitar accidentes. Lores restou importancia ás queixas que se rexistraron pola falta de acceso ás leiras. Lembrou que levou a cabo unha reunión a finais de 2023 entre o Concello e a Consellería de Infraestruturas, encargada das expropiacións da obra, para buscar solucións.
O alcalde indicou que as persoas afectadas habían quedado en presentar as demandas para buscar unha solución a eses predios, pero Lores afirmou que "non había tantos accesos" con ese problema. Iván Puentes, portavoz municipal do PSOE, tamén asistía á visita e lembraba que a Xunta aínda ten pendente esas expropiacións para resolver os accesos á veciñanza.
Por último, Miguel Anxo Fernández Lores destacou que a obra supón unha mellora para o servizo do hospital pero tamén para os residentes no rural de Pontevedra ao facilitar tamén a conexión entre a parroquia de Marcón e o barrio de Monte Porreiro.
Relacionadas:
-
Unha muller en cadeira de rodas, ferida leve nun atropelo en Eduardo Pondal
Por Redacción |
-
Publicada a aprobación do estudo de viabilidade do aparcadoiro de 892 prazas do novo Montecelo
Por Redacción |
-
Unha delegación do Hospital Clínic de Barcelona visita as obras do Novo Montecelo
Por Oskar Viéitez |
-
O PP esixe ao Ministerio de Transportes a mellora do firme das estradas nacionais da provincia
Por Oskar Viéitez |
-
A finais de ano concluirá a obra do Gran Montecelo, que estará operativo no verán de 2025
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
O mal tempo deste outono obriga a prorrogar as obras para ampliar os servizos básicos do Gran Montecelo
Por Natalia Puga |
-
Montecelo e a reforma da PO-546, as apostas da Xunta para Pontevedra nos orzamentos para 2024
Por Alejandro Espiño |
-
En vías de solución os problemas causados pola construción do vial de acceso ao novo Montecelo
Por Oskar Viéitez | Creada e actualizada
-
Os defectos do novo vial de Montecelo son "única e exclusivamente" responsabilidade municipal, di a Xunta
Por Redacción |
-
O alcalde responsabiliza a Xunta das expropiacións da vía perimetral de Montecelo
Por Mónica Patxot & Diego Torrado & Anxo Lourido |
-
Domínguez ve "moi grave" deixar sen acceso aos propietarios das leiras do vial de Montecelo
Por Redacción |