12 locais participan na quinta edición do 'Tapalacón' de Cuntis
Por Redacción
A xeito de quecemento para o entroido e tamén para a XVII edición da Festa do Lacón con Grelos, Cuntis organiza este fin de semana, dende o venres 21 ata o domingo 23 de febreiro, o quinto 'Tapalacón'.
Un total de 12 locais de hostalaría da centro urbano involúcranse nun evento no que os asistentes poderán degustar tapas elaboradas principalmente con lacón e grelos de balde con cada consumición.
Os locais participantes nesta edición son: Bar Moncho (consomé de verduras), A Tenda da Ponte (filloa de grelo agridoce), O Traspaso (tortilla de grelos e gambas), Fogar do Pensionista (pastel de grelos con chourizo), Cervexería A Bolera (ensalada de lentellas con lacón, apio e ceboliña), O Parladoiro (empanada de millo con grelos e queixo de Cuntis), 7 Camiños (tosta de queixo con lascas de lacón e revolto de pan de millo), Batifoula (doce de grelos con queixo da terra), O Paseo (bolos de pote con salsa de grelos), A Casa das Pejas (alpargata As Pejas), Chistoso (petit choux de lacón con grelos) e o mesón O Valenciano (ventos de Entroido).
Os clientes terán á súa disposición unha cartilla para votar por cada unha das propostas, unha puntuación da que sairá o premio á mellor tapa do concurso "Os Chapantes do Tapalacón".
Ademais sortearanse premios entre as persoas que colaboren coas votacións durante unhas xornadas que estarán amenizadas pola Agrupación de Gaitas de Cuntis.