A veciñanza de Soutomaior de máis de 65 anos poderá sumarse ao 'Transporte a demanda'
Por Oskar Viéitez
O Concello de Soutomaior impulsará a segunda fase do servizo de 'Transporte a demanda' municipal "despois de comprobar o éxito na primeira fase", implantada desde o pasado mes de setembro.
Este servizo ten por obxectivo facilitar a mobilidade entre as dúas parroquias do municipio para que determinados colectivos poidan realizar trámites na Casa do Concello ou no Centro de Benestar Integrado ou achegarse ao Centro de Saúde de Arcade.
Na primeira fase, as beneficiarias foron as persoas usuarias de servizos sociais, persoas en risco de exclusión social e todas aquelas persoas con necesidades de transporte específicas.
Nesta segunda fase súmanse toda a veciñanza do concello maior de 65 anos e aquelas persoas con problemas de mobilidade acreditables. Tantos uns como outros tamén poderán facer uso deste servizo para achegarse ás dependencias municipais ou para acudir ao Centro de Saúde de Arcade.
Ao igual que a primeira fase do transporte a demanda, a segunda tamén será tramitada directamente polos Servizos Sociais do Concello de Soutomaior, que se encargarán de xestionar todo o procedemento, unha vez que as persoas interesadas se poñan en contacto para trasladar o seu interese.
O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, sinalou que "agora, con esta segunda fase, van a ser moitos máis os que se beneficien".