Soutomaior apúntase ao 'transporte a demanda' para trasladar a colectivos vulnerables ao médico e xestións públicas
Por Redacción
O Concello de Soutomaior poñerá en marcha a partir do vindeiro luns, 25 de setembro, un novo servizo de 'transporte a demanda’ entre as parroquias do concello. A iniciativa é similar á que puxo en marcha no pasado mandato o Concello de Pontevedra e busca mellorar a mobilidade de colectivos vulnerables do municipio.
O vindeiro luns entra en funcionamento a primeira fase do servizo, na que os colectivos beneficiarios serán as persoas usuarias de servizos sociais, persoas en risco de exclusión social, persoas maiores e todas aquelas persoas con necesidades de transporte específicas.
O servizo irá a cargo do orzamento municipal e será gratuíto para as persoas usuarias para que poidan acudir a citas no centro de saúde de Arcade e nas dependencias municipais, en particular para facer xestións nos servizos habilitados no Centro de Benestar Integrado de Soutomaior. Tamén buscan cubrir outras necesidades sociosanitarias das persoas usuarias.
Esta primeira fase do transporte a demanda será tramitada directamente polos Servizos Sociais do Concello de Soutomaior, que se encargarán de xestionar todo o procedemento. Tras esta primeira fase, a intención é poder ampliar o servizo a máis colectivos e veciñanza.
O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, mantivo unha reunión a pasada semana co sector de taxistas do concello para avanzar na implantación deste servizo, que finalmente xa é unha realidade.
O rexedor explica que buscan "o obxectivo claro de facilitar o desprazamento das persoas beneficiarias" e que poidan achegarse ás dependencias municipais como o Centro de Benestar Integrado, e os centros sociosanitarios do concello.
Relacionadas:
-
A veciñanza de Soutomaior de máis de 65 anos poderá sumarse ao 'Transporte a demanda'
Por Oskar Viéitez |
-
O Concello de Soutomaior avanza na cobertura de fibra óptica nos barrios
Por Oskar Viéitez |
-
Inaugurada a nova sede de Cáritas en Vilagarcía
Por Oskar Viéitez |
-
A nova ordenanza do taxi recollendo a figura do 'coche de punto', a un paso de ser aprobada
Por Redacción |
-
Os taxis serán os únicos que poderán ser 'coche de punto' en Pontevedra
Por Alejandro Espiño |
-
O transporte a demanda será o "coche de punto" e iniciará as súas probas o 31 de xaneiro
Por Alejandro Espiño |