Mercadona, interesada na nave de Correos da Avenida de Lugo para convertila nun supermercado
Por Alejandro Espiño
Parece que Mercadona quere ampliar os seus establecementos en Pontevedra. Os plans máis inmediatos da compañía pasarían por abrir o seu cuarto supermercado na cidade. Puxo os seus ollos sobre tres parcelas situadas na Avenida de Lugo.
A particularidade da localización elixida é que unha destas parcelas é a que acolle a nave que a entidade pública Correos ten nesa zona.
Os outros dous terreos, lindeiros con esta nave, acollen actualmente unha vivenda en ruínas que está en venda e outra pequena casa unifamiliar.
A parcela de Correos ten unha superficie de 5.102 metros cadrados, mentres que as outras dúas suman 722 metros cadrados.
Mercadona pediu información urbanística no Concello para ver as posibilidades de desenvolver na Avenida de Lugo un supermercado con estacionamento.
O edil de Urbanismo, Alberto Oubiña, sospeita que, ante os movementos que están a realizar entidades de xestión de patrimonio, Correos valora vender ou poxar a súa nave.
"Parece que queren vender", sostivo Oubiña, que enmarca o interese da empresa de distribución alimenticia nestes movementos ao redor de Correos.
Relacionadas:
-
Concentración da CIG diante do Mercadona de San Mauro para denunciar "represión sindical"
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
O goberno local interpreta a apertura dun novo Mercadona como unha mostra do crecemento de Marín
Por Oskar Viéitez |
-
O Hiper Froiz, o supermercado máis barato de Pontevedra segundo un estudo da OCU
Por Redacción |
-
O Polígono de Nantes amplía a súa actividade con catro novas empresas
Por Redacción |