O bo tempo abarrota o desfile de Entroido con cifras récord de espectadores e participantes
Por Diego Torrado & Natalia Puga
Creada e actualizada
Creada e actualizada
Tres horas tardaron en saír da rúa José Malvar todos os participantes no desfile de Entroido deste 2014, o evento central da penúltima xornada de festexos que este sábado encheu as rúas do centro de Pontevedra de disfraces e imaxinación durante máis de catro horas, ata que os últimos chegaron á Alameda. A falta das cifras oficiais de asistentes, foi unha edición que bateu récords en canto a participación, tanto entre os que desfilaron coma entre os espectadores que non deixaron ocos libres ao longo de todas as rúas do percorrido.
Os participantes chegaron dende puntos de toda Galicia animados polo bo tempo e polo cambio de data ao que obrigou o sábado pasado o temporal, que provocou que o desfile pontevedrés non coincidise co de ningunha outra localidade de gran tamaño, segundo fontes da organización.
Rematado o percorrido, o xurado non o tivo doado para seleccionar os gañadores, que se deron a coñecer no transcurso da Festa do Entroido que empezou a celebrarse ás 20.00 horas na praza da Ferrería e este ano aumentou o número de galardoados. Na categoría de comparsas, o primeiro premio de 2.500 euros levárono 'Amoriños de Bora', que tamén se fixeron co Premio ÿnico Extraordinario Ravachol 2014.
En grupos facha os gañadores foron 'La Caceria del Rey', que se levaron o primeiro premio coa recreación do paso do Rei Juan Carlos por Botswana, elefante incluído, a pesar de que na composición faltaba un elemento importante, a princesa Corinna, un personaxe que debía ocupar un dos integrantes de 'Os de sempre' que na noite do venres resultou lesionado e operado durante a Mostra da Parodia e permanece no hospital.
En grupos disfraz, o primeiro premio foi para 'Que juai cheghou Hawai' en parellas facha, para 'Mama, hoxe para comer hai comida de bote' en parella disfraz, para 'Mil lunas de café' en individual facha, para 'Manos a la obra'; e en individual disfraz, para 'Cuervo reciclado'.
Os premios completos poden consultarse neste enlace. Os participantes percorreron as rúas Xosé Malvar, Loureiro Crespo, Benito Corbal, Peregrina, Michelena, praza de España e Alameda e, para valorar os disfraces, o xurado tivo en conta non só a categoría, senón tamén a participación activa e humorística durante o desfile.