AGE esixe a Cuca que "repoña as obreiras nos seus postos da factoría de Vilaxoán"
Por Redacción
Alternativa Galega de Esquerda (AGE) apoia todas e cada unha das accións das traballadoras da conserveira Cuca en Vilaxoán (Vilagarcía de Arousa) en defensa dun traballo digno e anunciou que "esiximos que a dirección da empresa aplique inmediatamente a sentencia do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia" e "repoña as obreiras nos seus postos da factoría de Vilaxoán".
Así o manifestaron este luns o portavoz de AGE, Xosé Manuel Beiras, e o deputado de Vilagarcía Juan Fajardo logo de reunirse coas traballadoras de Cuca. Denunciaron que coa "absoluta complicidade" da Xunta de Galicia de Alberto Núñez Feijóo a propiedade de Cuca fai que oitenta empregadas fichen cada día en Vilaxoán e viaxen logo a traballar a O Grove.
"Isto é unha burla ao Estado de dereito. A compañía non aplica a legalidade e ademais acosa e persegue ás traballadoras que se negan a aceptar esta situación", sinalou Juan Fajardo.
AGE estará presente na manifestación organizada polas "vítimas do acoso patronal" o vindeiro 12 de abril en Vilagarcía de Arousa e Juan Fajardo anuncia que "rexistraremos iniciativas parlamentarias e faremos porque a voz das traballadoras de Cuca estea presente en Europa".
Para o deputado, é "impresentábel" a actitude do Goberno galego neste conflito: "Só a complicidade da Xunta do PP explica que a dirección de Cuca se permita non aplicar a sentencia do Tribunal Superior".
Relacionadas:
-
A xuíza insta a empresa e os traballadores de Cuca a que "recapaciten y lleguen a un acuerdo"
Por Natalia Puga |
-
O regreso de Cuca a Vilaxoán, pendente da resposta da xuíza
Por Redacción |
-
A corporación vilagarciana reivindica unánimemente a volta de Cuca a Vilaxoán
Por Redacción |
-
Doce traballadoras máis de Cuca incorpóranse á nave do Grove e dan por rematadas as gardas
Por Redacción |