A xuíza insta a empresa e os traballadores de Cuca a que "recapaciten y lleguen a un acuerdo"
Por Natalia Puga
"Por favor, intenten negociar", pediu o titular do Xulgado do Social número 2 de Pontevedra. Dirixíase aos traballadores de Conservas Cuca e aos responsables da empresa Grupo Garavilla, todos presentes na mesma sala de vistas e incapaces de chegar a un acordo sobre como se debe executar a sentenza que recoñece que o persoal pertence á fábrica de Vilaxoán que se pechou e non á do Grove na que está a traballar actualmente.
As partes foron citadas para un incidente xudicial no que a xuíza deberá determinar se a empresa xa está a cumprir a sentenza ao poñer a disposición dos traballadores un autobús para que se despracen todos os días dende a fábrica de Vilaxoán ata a do Grove. Garavilla entende que si, pero o plantel considera que para cumprir co fallo se debería volver a facer funcionar a factoría de Cuca agora pechada.
Este luns, a xuíza pediu aos avogados que intentasen alcanzar un acordo que impedise a celebración da vista. Intentárono e houbo conversacións a varias bandas nos corredores do edificio xudicial da Audiencia Provincial de Pontevedra, pero non se logrou consenso.
Poucos minutos antes das 14.00 horas, a xuíza chamou a todas as partes (avogados, traballadores e directivos) á sala e comunicoulles que non se celebraría o incidente. Volveu sinalar a vista para o 28 de maio ás 12.10 horas porque, dada a hora, decidiu que non daría tempo a revisar toda a proba prevista. De paso, aproveitou para instar a unha nova negociación á marxe da que se intentou este luns.
"Intenten negociar porque es lo mejor para ambas partes", indicoulles. E recalcoulles que "de aquí a una semana recapaciten y lleguen a un acuerdo", pois se pode celebrar o incidente e que gañe unha das partes ou "podemos no celebrar el incidente y que todo el mundo salga beneficiado".
A xuíza considera que "sería lo mejor para todos", pero as posturas parecen irreconciliables. O avogado da empresa, Alfredo Briales, sinalou, unha vez suspendida a vista, que fará valoracións ata que se resolva o conflito, pero que a postura de Garavilla é propoñer un acordo ás traballadoras para que as que non queiran continuar a súa relación laboral poidan acollerse a un despedimento de 33 días por ano traballado ata un máximo de 20 mensualidades.
Non obstante, o equipo de Cuca non o acepta porque, en palabras de María José Mariño, "a loita nunca foi discutir unha indemnización, non chegamos ata aquí para aceptar unha indemnización, nós tiñamos o noso posto de traballo en Vilaxoán e pedimos que se abra a fábrica". Os traballadores acordaron en asemblea que o único acordo que aceptarán coa empresa é o de que volva abrir a fábrica de Vilaxoán e non pasarán por ningunha negociación na que non haxa compromiso da empresa para manter os postos de traballo.
Alfredo Briales asegura que a empresa non asinará por escrito ese compromiso, pero que si se compromete verbalmente, ao que Francisco Vilar, de CC.OO., recórdalle que "non nos podemos fiar da palabra" e asegura que en todo este conflito "a mala fé da empresa é manifesta".
Relacionadas:
-
A xuíza do Social decidirá se Garavilla cumpriu a sentenza polo conflicto de Cuca
Por Oskar Viéitez |
-
AGE esixe a Cuca que "repoña as obreiras nos seus postos da factoría de Vilaxoán"
Por Redacción |
-
O regreso de Cuca a Vilaxoán, pendente da resposta da xuíza
Por Redacción |
-
A corporación vilagarciana reivindica unánimemente a volta de Cuca a Vilaxoán
Por Redacción |