O PP de Poio responde ao Goberno local: "estamos fartos de vaciles, o único que queremos é que cambien a forma de gobernar"
Por Redacción
O PP de Poio saíu ao paso este mércores da comparecencia pública do Goberno local a raíz da decisión da Fiscalía de Pontevedra de xudicializar a denuncia sobre as supostas anomalías económicas e de contratación do Executivo municipal. O seu voceiro, Ángel Moldes, asegura que serán as súas "últimas declaracións" en relación con este asunto porque "a nosa intención é deixar traballar á Xustiza e non entorpecer o seu labor".
Nun comunicado, Ángel Moldes asegura que os 'populares' non buscan ningunha confrontación política, pero decidiron falar porque "xa están cansos de faltas de respecto e desplantes" e dunha situación que aseguran que xa denunciaron "dende hai moitos anos nos plenos, comisións e medios de comunicación".
"Estamos fartos de vaciles, nós non queremos que lle obriguen a pagar esas facturas aos concelleiros nin que teñan que responder co seu patrimonio, nós o único que queremos é que dunha vez por todas cambien a forma de gobernar e xestionar e non pensen unicamente nos votos", sostén.
En relación cos datos económicos achegados polo Goberno local, o voceiro do PP sostén que "é falar moi lixeiro cando se di que existen moitos concellos que realizan as mesmas prácticas", pois "unha cousa é realizar modificacións presupostarias e outra moi distinta é ter nun caixón máis dun millón de euros en facturas rexistradas, pero sen contabilizar por non existir partida presupostaria" e "facer desta práctica un uso habitual".
Ademais, recordan á tenente de alcalde, Chelo Besada, que non foi o PP quen dixo nun Pleno que se estaban a realizar "gastos con pouca ética e responsabilidade", senón ela mesma. E insisten en que "nós non temos intención de xudicializar a vida política, se así fose xa teriamos presentado varios expedientes urbanísticos e nalgún caso con obras que non coinciden con licenzas xa outorgadas".
Relacionadas:
-
O PP denuncia que o Concello de Poio deixou sen contabilizar 600.000 euros en facturas de 2014
Por Redacción |
-
O Goberno local de Poio: "estamos tranquilos porque non hai ningún desvío raro que se nos poida imputar"
Por Natalia Puga |
-
Fiscalía traslada ao Xulgado a denuncia do PP de Poio contra o Goberno local por anomalías económicas
Por Natalia Puga |
-
O PP de Poio denuncia ante Fiscalía "anomalías en temas económicos e de contratación" no Concello
Por Diego Espiño |