Fiscalía traslada ao Xulgado a denuncia do PP de Poio contra o Goberno local por anomalías económicas
Por Natalia Puga
A denuncia presentada polo PP de Poio ante a Fiscalía de Pontevedra polas presuntas irregularidades ou anomalías económicas, orzamentarias e de contratación do Goberno local chegará finalmente ao Xulgado. O fiscal xefe, Juan Carlos Aladro, confirmou este luns que o Ministerio Público presentará unha denuncia.
Aladro explicou que esa denuncia non vai dirixida contra ningunha persoa en particular, senón contra todo o goberno local bipartito do BNG e o PSdeG-PSOE, contra quen dirixía tamén a denuncia inicial o PP. Ata o momento, descoñécese que xulgado levará as dilixencias.
O PP de Poio presentou un escrito na Fiscalía en novembro por "anomalías en temas económicos e de contratación" que se producen "de maneira reiterada". O escrito do voceiro do PP, Ángel Moldes, denuncia unha vulneración nos procesos de contratación ao entender que o Concello está "emitindo facturas sen que exista partida presupostaria".
No citado escrito se especificaba que esa actuación do Goberno local se realizaba a pesar da existencia de informes contrarios e "de reparo" do servizo de Intervención. A interventora municipal declarou xa en decembro ante a Fiscalía como testemuña para ratificar eses informes.
Tras esa declaración, o fiscal xefe xa pediu ao Goberno local que lle remitise unha serie de documentación. Ademais, en xaneiro o grupo municipal do PP presentou na Fiscalía oito novos informes para completar a súa denuncia inicial refiriendose, por exemplo, a un recoñecemento de crédito de 486.000 euros aprobado no Pleno do mesmo mes de xaneiro.
Tras analizar toda a documentación e estudar as declaracións da interventora, o fiscal podía ter optado por arquivar a denuncia, pero decidiu seguir investigando e agora deu o paso de denunciar esa actuación do Goberno local ante o Xulgado.
Relacionadas:
-
O PP denuncia que o Concello de Poio deixou sen contabilizar 600.000 euros en facturas de 2014
Por Redacción |
-
O PP de Poio responde ao Goberno local: "estamos fartos de vaciles, o único que queremos é que cambien a forma de gobernar"
Por Redacción |
-
O Goberno local de Poio: "estamos tranquilos porque non hai ningún desvío raro que se nos poida imputar"
Por Natalia Puga |
-
O PP de Poio denuncia ante Fiscalía "anomalías en temas económicos e de contratación" no Concello
Por Diego Espiño |