Na procura dunha solución para máis de 9.000 cans censados en Pontevedra
Por Redacción
Tres representantes do colectivo 'Por un parque para perros digno' mantiveron unha reunión co concelleiro de Sanidade Animal, Miguel Filgueira, para solicitarlle zonas verdes nas que se poida pasear as mascotas sen bozo e evitar as multas das que se queixaron nos últimos meses.
O concelleiro trasladoulles que o goberno local non é partidario de regular este tipo de situacións para poder habilitar espazos nas zonas verdes ao entender que a convivencia entre os paseantes e os cans ten que basearse na integración e a tolerancia. Pero indicou que estudará a posibilidade de regular a situación dos animais nos parques.
Segundo os representantes do colectivo, a lei de tenza de animais diferencia entre espazos públicos e vías públicas e reclaman unha regulamentación que lles permita saber se van ser multados por levar o can sen correa. Filgueira sinalou que as denuncias foron mínimas no que se leva de ano. A cifra sitúase en 18 e dez delas por non levar bozo ou cadea en casos de cans potencialmente perigosos. Incidiu en que "non houbo orde expresa para actuar contra os donos de cans. ÿ o operativo que manten todos os anos a policía local". E sinalou que algunhas delas eran derivadas de denuncias de particulares que se queixaban de que algún dono non recollía os excrementos do seu can.
Sabela Vilar, David Rivadulla e Ana Vilar, representantes do colectivo, solicitaron ao concelleiro que instale puntos de luz no canil das marismas de Alba. O concelleiro indicou, por outra parte, que o censo de cans en Pontevedra se sitúa sobre os 9.000 animais. "Para nós, o principal problema é o dos abandonos. O ano pasado abandonáronse máis de 350 cans", apuntou Miguel Filgueira.
Ao tratarse dun primeiro encontro e, sen que se chegase a un acordo concreto, á espera dunha nova reunión no mes de maio, o colectivo manterá a concentración de protesta prevista para o sábado 12 a partir das 18.00 horas e partirá do Parque de Campolongo ata a Praza de España. Nesta marcha, os participantes poñeranse correas e bozos.
Relacionadas:
-
Falta de acordo entre Concello e 'Parque digno para perros'
Por Redacción |
-
O 15 de maio remata o prazo de inscrición para a campaña de chipeado de cans
Por Redacción |
-
Avogan polo establecemento de horarios para os cans en zonas verdes
Por Oskar Viéitez |
-
Os membros de 'Por un parque digno para perros' volverán protestar o sábado 12 con bozo e correas
Por Redacción |
-
Un cento de manifestantes reclama espazos para cans sen correa nos parques pontevedreses
Por Anxo Lourido |