Un trivial para aprender a separar e reciclar
Por Redacción
A campaña de información 'Separemos ben, reciclemos mellor' recalou este mércores na Alameda de Ponte Caldelas co fin de fomentar entre os veciños unha maior concienciación cidadá sobre a necesidade de clasificar residuos na súa orixe para favorecer un mellor reciclado.
Os máis pequenos recibiron a información a través dun xogo xigante de reciclaxe, tipo trivial, sobre como debemos separar ben os residuos nos nosos fogares co fin de facilitar unha maior e mellor reciclaxe nas plantas de destino dos nosos desperdicios.
Os adultos foron obxecto dunha serie de preguntas dunha enquisa a través da cal comprobaban o nivel de coñecemento sobre que facer cos nosos residuos e como debemos tratalos. Con este cuestionario os monitores da campaña divulgativa ao mesmo tempo ían informando os cidadáns do modo correcto de separar os desperdicios para logo reciclar mellor.
Esta iniciativa enmárcase dentro dun programa da Consellería de Medio Ambiente e Sogama que percorrerá un total de 150 municipios galegos a través da presenza dun vehículo adaptado co lema da campaña e coa presenza de monitores especializados na materia para que poidan explicar aos transeúntes a importancia que ten participar activamente na xestión de residuos mediante redución, a reutilización e o reciclado.
A campaña chegou nos días previos á Festa da Troita, un evento gastronómico con vocación de promover a sostibilidade e a calidade ambiental. No posto de degustación instalado na Alameda volveranse utilizar pratos, manteis e panos da mesa de materiais que favorezan a súa posterior conversión en compost, xunto cos desfeitos orgánicos procedentes da degustación popular de troitas.
Dentro deste obxectivo de "residuo 0" tamén se instalará na propia Alameda de Ponte Caldelas, un "punto limpo" no que se situarán os distintos tipos de colectores que serán necesarios para reciclar todos os residuos da festa que non se poidan converter en compost.