Pontevedra será a sede dun viveiro de empresas temático, vinculado ás especialidades do campus
Por Alejandro Espiño
Un viveiro de empresas temático relacionado coas carreiras que se imparten no campus de Pontevedra. Será o primeiro "produto real", segundo o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, da especialización do campus pontevedrés, que baixo a marca Campus Crea, pretende converterse nun referente nos estudos vinculados coa saúde, o benestar, o ocio, o tempo libre, o deporte ou a creatividade artística.
Os primeiros pasos deste proxecto embrionario déronse nunha reunión celebrada no Concello de Pontevedra á que, ademais do reitor, asistiron o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores; a delegada da Zona Franca de Vigo, Teresa Pedrosa; o presidente da Cámara de Comercio, Eduardo Barros; o vicerreitor do campus de Pontevedra, Juan Manuel Corbacho; e o concelleiro de Educación, Agustín Fernández.
A Universidade de Vigo será a encargada de redactar un plan de necesidades e usos deste futuro viveiro empresarial, que deberá fixar, entre outras cousas, o espazo que necesitarían estes emprendedores para desenvolver a súa actividade. Ademais, encargarase un estudo de viabilidade económica e discutirase o modelo de xestión máis axeitado. En ambos os dous casos, abrirase a posibilidade á colaboración por parte de empresas privadas.
"Temos un campus moi novo, pero estamos preparados para dar o salto ao emprendemento", sinalou o reitor da Universidade de Vigo, quen destacou que "non falamos de ciencia ficción" senón de apostar por un modelo de traballo que funciona con éxito en Vigo. Alí creouse un proxecto similar, relacionado con telecomunicacións e novas tecnoloxías, que logrou crear 500 postos de traballo e aposta por un importante labor no ámbito do I+D+i.
No caso de Pontevedra, buscarase atraer a emprendedores cuxa actividade estea relacionada co ocio, a saúde, o deporte ou as artes creativas, de forma que sirva como un "polo de atracción" para toda Galicia ou mesmo "se creamos unha marca potente" poida atraer iniciativas empresariais de fóra da nosa comunidade, segundo sinalou Salustiano Mato, que insistiu en que será "algo máis que un viveiro".
Un proxecto similar en Vigo, relacionado con telecomunicacións e novas tecnoloxías, logrou crear 500 postos de traballo
O reitor da Universidade de Vigo avanzou que este viveiro empresarial non busca actuar como "simples contenedores" para empresas deste ámbito temático, senón que contará tamén cunha "cadena de servicios" que engadirá un valor engadido a este proxecto. Búscase apostar por un verdadeiro centro de negocios que poña en marcha, entre outras iniciativas, programas formativos, plans conxuntos ou a posibilidade de compartir investidores.
Inicialmente formulouse a posibilidade de aproveitar os terreos que a Cámara de Comercio reservara para o seu viveiro de empresas no Campiño, pero Fernández Lores sinalou que "parte dos que estamos aquí sentados" cren que a mellor opción sería crealo no centro da cidade. Barállase mesmo un edificio de nova construción, que poida acometerse por fases e ampliándose en función das necesidades de espazo.
A viabilidade deste proxecto pasará pola colaboración da Fundación Incyde, que ten reservados 800.000 euros para o viveiro de empresas da Cámara de Comercio no Campiño, e que poderían derivarse para esta iniciativa. Segundo o seu presidente, Eduardo Barros, este novo viveiro temático remodela a idea inicial que manexaba a entidade cameral "y será más eficiente y más viable".
Relacionadas:
-
O reitor destaca o "bo funcionamento" do Campus de Pontevedra grazas á especialización
Por Natalia Puga |
-
A Universidade de Vigo avanzará en 2015 na especialización do Campus Crea pontevedrés
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Louro propón situar o viveiro de empresas da Universidade no edificio da Xunta en Benito Corbal
Por Redacción |
-
A incubadora de empresas do Campus de Pontevedra custará preto de 1,2 millóns de euros
Por Oskar Viéitez |
-
O viveiro da Universidade construirase nun solar municipal da rúa A Barca
Por Mónica Patxot & Oskar Viéitez |
-
Emma Torres encabeza a única candidatura ao decanato de Ciencias Sociais e da Comunicación
Por Redacción |
-
O reitor da Universidade de Vigo busca fórmulas para financiar o futuro Edificio das Artes
Por Redacción |
-
Próximo cumio entre o Concello e a Universidade de Vigo "para concretar aspectos de colaboración"
Por Redacción |