A Universidade de Vigo avanzará en 2015 na especialización do Campus Crea pontevedrés
2015 será un ano importante para o campus pontevedrés. O reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, asegurou este luns que a vontade da institución é dar un impulso definitivo ao proxecto de Campus Crea, que suporá unha especialización en materia de deportes, saúde, sociedade ou as artes. Foi un dos asuntos que se tratou na xuntanza do Consello Social da universidade, celebrado na Casa das Campás.
Salustiano Mato explicou que xa está constituída a comisión técnica que traballará no desenvolvemento do plan estratéxico do Campus Crea. Tras este "reparto de tarefas", o seguinte paso será "preparar a planificación de actividades", de tal xeito que ás iniciativas que xa se desenvolven en Pontevedra se sumen en 2015 outros proxectos e programas que contribúan a outorgar ao campus "un valor engadido a través da especialización".
O reitor tamén apuntou que no vindeiro ano tamén se acometerán melloras no campus co obxectivo de convertelo "no primeiro de España con bandeira verde" da man do proxecto Green Campus, dirixido a conseguir para Pontevedra o recoñecemento que outorga a FEE (Foundation for Environmental Education) polo labor realizado a prol da educación ambiental e o desenvolvemento sostible.
Nesta xuntanza, o Consello Social da Universidade de Vigo aprobou definitivamente o orzamento para 2015. As contas da institución académica ascende a 165,2 millóns de euros, un 3,48% más que este ano. Veñen marcadas, segundo o presidente deste organismo, Ernesto Pedrosa, pola "importancia que outorga tanto á estabilidade" en materia económica como á súa "proxección" como centro.
O presidente do Consello Social incidiu no traballo levado a cabo para que institución académica se manteña "sen débedas, cun déficit cero" e continúe na senda de "solvencia e boa saúde económica nestes tempos tan difíciles". A pesar deste "equilibrio orzamentario", destacou que a Universidade de Vigo "é cada vez máis punteira tanto no ámbito da investigación como nos ránkings, nos que cada vez ocupa posicións máis privilexiadas".
No relativo ao campus de Pontevedra, o reitor da Universidade avanzou que as partidas destinadas á cidade "mantéñense ou mesmo se incrementan nalgúns casos" e apuntou que os investimentos que nel se realizarán estarán centrados tanto no mantemento e mellora de todos os edificios como a proseguir coas seguintes fases do proxecto de humanización.
Relacionadas:
-
O campus de Pontevedra está na procura dunha marca internacional de referencia
Por Oskar Viéitez |
-
O reitor destaca o "bo funcionamento" do Campus de Pontevedra grazas á especialización
Por Natalia Puga |
-
Case 4.000 alumnos cursan este ano os seus estudos no campus universitario de Pontevedra
Por Redacción |
-
A nova decana de Ciencias Sociais, Emma Torres, impulsará os dobres títulos con outras universidades
Por Redacción |
-
Pontevedra será a sede dun viveiro de empresas temático, vinculado ás especialidades do campus
Por Alejandro Espiño |
-
A humanización do campus ou o novo edificio de Belas Artes, entre as demandas ao reitor trala súa reelección
Por Redacción |