O campus de Pontevedra está na procura dunha marca internacional de referencia
Por Oskar Viéitez
A Casa das Campás acolleu este martes unha mesa redonda na que profesionais de ámbitos como o deporte, a industria editorial, a gastronomía e a arquitectura debateron sobre a creatividade como unha idea transversal, como "o único camiño para facer futuro", segundo resaltou o reitor, Salustiano Mato.
Afondar na "creatividade no seu sentido máis amplo" foi o eixo da primeira conmemoración no campus de Pontevedra do Día Internacional da Creatividade e a Innovación, o que será o "día grande do Campus Crea", e polo tanto, unha xornada na que "albiscar ideas útiles para fabricar ese camiño de futuro" que constitúe o proxecto de especialización do campus pontevedrés.
Como salientou o reitor na presentación deste acto, Pontevedra atópase dando "os primeiros pasos" no seu camiño cara a especialización, cara a consecución dunha "marca de referencia internacional para o campus", a través dun proxecto que "busca envorcar as capacidades da nosa Universidade no que é o mundo da iniciativa e a industria creativa".
Mato encargouse de presentar o coloquio coa que se abriu esta conmemoración, no que participaron o preparador físico Pepe Casal, a arquitecta Isabel Aguirre, o restaurador Javier Olleros responsable do restaurante Culler de Pau, un dos fundadores da firma Rei Zentolo, Pablo Rodríguez, e o director de Oqo Editora, Juan Couto.
Nun coloquio conducido polo profesor da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, Alberto Dafonte, os relatores incidiron tamén nesa idea da creatividade como un elemento transversal, que vincula a ámbitos, a priori, tan distantes, como o deporte e a tecnoloxía.
Tralo peche deste coloquio a actividade continuou na Casa das Campás con Somos Crea, un compendio de breves presentacións de traballos de investigación e proxectos de emprendemento.
Relacionadas:
-
Creatividade e innovación, nova filosofía vital do campus de Pontevedra
Por Redacción |
-
O reitor destaca o "bo funcionamento" do Campus de Pontevedra grazas á especialización
Por Natalia Puga |
-
A Universidade de Vigo avanzará en 2015 na especialización do Campus Crea pontevedrés
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |