O Entroido de Verán abrirá a programación das festas estivais centrado nos anos 70
Por Natalia Puga
O Entroido de Verán alcanzará o próximo sábado 5 de xullo a súa segunda edición xa consolidado tras a experiencia piloto do ano 2013 e cunha temática pensada para fomentar a participación de persoas de todas as idades: o mítico Baile do Pino dos anos 70 na cidade. Será a primeira das máis de 200 actividades lúdicas e culturais programadas con motivo das 'Festas do Verán' de Pontevedra.
Co obxectivo de chegar a un público de todas as idades, na edición deste ano as actividades empezarán xa pola tarde. A partir das 19.00 horas o colectivo Risotadas organizará na praza da Peregrina un obradoiros de máscaras e maquillaxe para nenos e o grupo '105 besos Teatro' poñerá en marcha actividades de xogo e animación para todas as idades.
Esta edición terá xa consolidado un Tabernódromo como centro de operacións. Situarase na praza da Verdura, que centralizou as actividades de 2013, e terá actividade a partir das 21.30 horas. Unha hora máis tarde, ás 22.30, será a lectura do pregón a cargo dun personaxe público cuxa identidade non foi revelada.
Xa ás 23.00 horas comezará un percorrido polo casco histórico a cargo dunha comitiva na que xa confirmaron asistencia entre sete e dez comparsas das que habitualmente participan no Entroido de inverno e varias charangas.
Toda a programación estará presidida polo loro Ravachol e por Furcinho, a mascota creada na primeira edición do Entroido de Verán. Este venres este camaleón brasileiro non puido participar na presentación das actividades porque, segundo explicou o hostaleiro Darío Fernández, está en Brasil para asistir aos partidos do Mundial de Fútbol. Si chegará a tempo para o sábado 5 de xullo.
Darío Fernández explicou que o evento está concibido como "una fiesta de Pontevedra para la gente de Pontevedra" e para cumprir con este obxectivo este ano decidiuse facer un aceno ao Baile do Pino, que se realizaba nunha sala de concertos da avenida de Vigo entre os anos 40-50 e a década dos 70. Esta temática deixarase ver tamén na decoración das rúas e prazas do casco histórico.
A concelleira de Promoción Económica de Pontevedra, Carlota Román, agradeceu ao colectivo de hostaleiros que organiza o evento que accedera a modificar a data na que tiñan previsto celebralo para poder realizalo o 5 de xullo e, desta forma, que coincida coa feira turística do Eixo Atlántico, Expocidades.
Relacionadas:
-
Nin a chuvia impedíu a Cañita Brava inaugurar o Entroido de Verán co seu peculiar estilo
Por Alejandro Espiño & Diego Torrado |
-
Cañita Brava, pregoeiro do Entroido de Verán
Por Redacción |
-
Chegan as Festas do Verán: máis de 200 actividades lúdicas e culturais do 5 de xullo ao 6 de setembro
Por Alejandro Espiño |