A cigala de Marín quere ser festa de interese turístico de Galicia
Por Redacción
Despois de 20 anos de historia, os organizadores da "Festa nacional da Cigala" consideran que este evento gastronómico reúne os méritos suficientes para ser considerada de interese turístico de Galicia polo que iniciarán os trámites para conseguir da Xunta tal recoñecemento.
Segundo anunciou o presidente de Acima, Enrique Rodríguez Covelo, a próxima edición celebrarase os días 25, 26 e 27 de xullo nunha carpa na Praza do Regueiro en Cantodarea.
A festa arrancará o 25 de xullo, será unha xornada "dedicada aos homes do mar", cunha ofrenda floral e unha exposición de barcos e útiles do mar da confraría de mariñeiros de Matosinhos.
Durante todos os días que dura a festa a partir das 13:00 horas arrancan as degustacións de cigala e ás 21:30 horas, haberá verbena.
A Orde da Cigala, que preside Antonio Reguera, dedicará a Portugal a xornada do 26 que arrancará co pregón do xornalista vasco, José Luis Yzaguirre.
"A terceira idade e as amas de casa serán as protagonistas do día 27 de xullo", informou Reguera Repiso.
A porción de cigala cocida servirase a un prezo de dez euros, a de empanada a catro e a porción de cigala flambeada á prancha a doce euros.