Medio cento de artesáns participarán na Feira Antiga do Camiño dos Arrieiros
Por Redacción
A Feira Antiga do Camiño dos Arrieiros que se celebrará o domingo 24 de agosto coincidindo coa Festa da Batalla da Guerra de Independencia de Ponte Caldelas ten confirmada a participación de medio centenar de artesáns.
Ferreiros, oleiros, artesáns do coiro, pedra, madeira e cesteiros daranse cita dende primeira hora da mañá na Alameda para reproducir a tradicional Feira Antiga do Camiño dos Arrieiros. Permanecerán alí durante todo o día, expoñendo os seus traballos ao público ao tempo que realizarán demostracións en vivo da súa técnica e creatividade.
Os artesáns tamén aproveitarán a súa estanza na Alameda de Ponte Caldelas para realizar diversos talleres con nenos que queiran coñecer as diversas técnicas empregadas por estes manufactureiros á hora de confeccionar as diversas pezas orixinais e únicas que van creando co seu traballo.
Previamente ao comezo desta Feira Antiga do Camiño dos Arrieiros, as rúas do ámbito da Alameda de Ponte Caldelas serán adornadas convenientemente con motivos de época, pendóns, bandeiras, teas de cores, etc. somerxendo por completo o centro da vila nun proceso de inmersión histórica ata situala a principios do século XIX en pleno dominio das tropas de Napoleón.
O Concello de Ponte Caldelas anima os veciños e visitantes que se acheguen este domingo á vila que o fagan ataviados con roupas de época co fin de conseguir unha mellor ambientación e participación cidadá neste evento. Co fin de facilitar ideas para os asistentes, incluíu na súa páxina web unha ampla mostraxe de traxes e vestimentas co fin de que poidan servir de patrón ou exemplo á hora de participar nesta celebración.
Relacionadas:
-
As tropas francesas volven caer na Batalla de Ponte Caldelas
Por Anxo Lourido |
-
Ponte Caldelas ponse 'guapa' para a Festa da Batalla
Por Redacción |
-
400 particulares solicitaron autorización para montar os seus "xantares" na Festa da Batalla de Ponte Caldelas
Por Redacción |
-
Aberto o prazo para solicitar xantares particulares na Festa da Batalla
Por Redacción |
-
A Festa da Batalla e os Dolores, grandes citas festivas para o mes de agosto en Ponte Caldelas
Por Redacción |