O 'Ilustrísimo' volve ao calabozo por arrebatar o bolso a unha muller e saír correndo
Por Natalia Puga
Alejandro Portas Cancela, o caco pontevedrés coñecido como O Ilustrísimo, volveu aos calabozos da Comisaría Provincial polo delito polo que máis veces o detiveron xa dende que era menor de idade: un furto. A última ocasión foi este martes 2 de setembro e o Xulgado de Garda xa o deixou de novo en liberdade, pero á espera de ser xulgado.
O mozo, de 19 anos e con mútiples antecedentes policiais polos que xa pasou varios meses en prisión, foi detido nesta ocasión por axentes da Policía Nacional por un furto que supostamente cometeu o domingo 31 de agosto. En xuño fora a súa primeira detención logo de sair da cadea.
Unha veciña de Pontevedra denunción na Comisaría que acababa de estacionar o seu vehículo nas inmediacións da rúa Palamios cando se lle achegou un mozo e, sen mediar palabra, lle arrebatou o bolso que levaba na man e saíu fuxindo en dirección ao río Gafos.
A denunciante levaba no bolso documentación persoal, 40 euros en efectivo e un teléfono móbil valorado en 432 euros. Presentou denunciou, achegou unha descrición física do seu asaltante e púxose en marcha unha investigación que permitiu determinar que o autor era un vello coñecido da Policía: O Ilustrísimo.
O mozo foi localizado sobre as 18.30 horas de dous días despois, o martes día 2, nas inmediacións da rúa Gutiérrez Mellado e detido pola Policía Nacional. Tras pasar polos calabozos, pasou a disposición xudicial e o xuíz de garda decidiu a súa posta en liberdade.