Avanzan a bo ritmo as obras para mellorar a Baixada a Aguete e o acceso ao mercado de Marín
Por Redacción
Marín acomete "a bo ritmo" dúas actuacións urbanas na Baixada a Aguete e o ámbito do mercado. Trátase de dúas obras adxudicadas por 70.000 e 73.000 euros con cargo a subvencións do Grupo de Acción Costeira e da Consellería do Medio Rural e do Mar.
As obras da Baixada a Aguete foron contratadas á empresa Tragsa e teñen como obxectivo mellorar a accesibilidade e xerar neste espazo unha zona de esparexemento cos servizos necesarios de apoio á praia. Así, instalaranse baños e renovaranse as condicións de saneamento, recollida de pluviais e instalacións eléctricas. No marco desta actuación, axeitarase a zona de mesas e bancos e farase posible que a pendente sexa menor e máis descansada para que poida ser utilizada para chegar a esa zona da praia.
O Concello recoñece que as condicións meteorolóxicas dificultan os traballos, pero sinala que era necesario que non se realizasen durante o verán porque xerarían incomodidades aos usuarios da praia e dificultarían a circulación de vehículos particulares e autobuses.
En canto ás obras do ámbito do mercado, foron adxudicadas á empresa Narón S.L. e teñen como obxectivo acondicionar o acceso ao recinto pola rúa Ejército y Marina.
A actuación prolongarase durante tres semanas para intentar minimizar as molestias que se causen aos comerciantes e clientes. Para iso, realizáronse diversas reunións cos praceiros e coa asociación Estrela de Marín.