Os funcionarios da Deputación non cobrarán a parte proporcional da 'extra' de 2012... de momento
Por Redacción
A Deputación Provincial de Pontevedra non pagará de momento a parte proporcional da paga extra de Nadal do ano 2012 aos funcionarios provinciais. Non é que non teña intención de aboala, é que acordou pospoñer o pagamento ata que o Tribunal Constitucional resolva o recurso que ten pendente.
O grupo provincial do PSdeG-PSOE levou este venres ao Pleno da Corporación unha moción para establecer o pagamento aos traballadores públicos da institución provincial pontevedresa, pero o acordo non saíu adiante ao ter os votos en contra dos deputados do PP, o grupo maioritario e de Goberno na Deputación. O BNG e o PSOE si votaron a favor.
A deputada 'popular' Begoña Estévez xustificou o seu voto en contra porque "legalmente sería inviable". Reivindicouse como unha "gran defensora dos traballadores públicos" (de feito, traballa na función pública dende 1994) e sinalou que defende que os funcionarios poidan recuperar os 44 días de paga extraordinaria que suprimiu o Goberno en 2012, tal e como fixo o persoal laboral xa no mes de maio, pero cando sexa o momento. Prevé que será a principios do ano 2015.
O voceiro do PSdeG-PSOE, Santos Héctor, criticou as posturas políticas dos distintos gobernos do PP en relación con este tema e reprocha que, por exemplo, a Xunta de Galicia "sobe os presupostos en axitación e propaganda" e "hai cartos para iso, pero non para pagar aos funcionarios".
O voceiro do BNG, César Mosquera, reprochou ao presidente da Deputación, Rafael Louzán, que "anunciou publicamente" que ía pagar a parte proporcional da 'extra' e os grupos da oposición "pensabamos que estaba feito". Ante a decisión de non proceder ao aboamento de momento, sinala que "sinceramente non vexo onde está ou problema" para non o facer e que as explicacións achegadas por Begoña Estévez "non valen para nada", senón que el está convencido de que en realidade non pagarán a parte da paga por indicacións do Goberno do seu partido en Madrid.
Por alusións, Rafael Louzán respondeu a Mosquera que "non estamos a esperar ao que diga Madrid, senón á sentenza".
Relacionadas:
-
Sanxenxo, disposto a devolver a paga extra de 2012 os seus funcionarios coa nómina de xaneiro
Por Redacción |
-
O personal laboral da Deputación percibirá na nómina de maio parte da extra suprimida en 2012
Por Redacción |
-
Louzán admite que o Goberno "non tomou a mellor decisión" e móstrase disposto a devolver a paga extra
Por Oskar Viéitez |
-
Unha sentenza concede aos empregados da Deputación a parte proporcional da paga extra de 2012
Por Redacción |