Dez anos de loita contra o esquecemento
Por Oskar Viéitez & Diego Torrado
A Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras demencias (Afapo), homenaxeou aos seus fundadores, representados en seis antigos directivos, no transcurso dunha gala celebrada este sábado no centro social de Afundación.
A ocasión serviu para celebrar o décimo aniversario de Afapo, unha asociación que naceu por iniciativa de 21 familias e que a día de hoxe está formada por 300 socios, conta con 18 profesionais, un centro privado e a maiores xestiona outro da rede pública da Xunta. Ademais organiza obradoiros para persoas recentemente diagnosticadas e desenvolve tarefas para concienciar e divulgar a alta incidencia da enfermidade.
A asociación atende diariamente a 65 persoas e o centro público conta co 100% das prazas cubertas.
Durante a gala proxectouse un vídeo no que personaxes públicos mostraron o seu apoio á loita contra o Alzheimer, unha dolencia que afecta ao 25% dos galegos maiores de 65 anos.
O actor Javier Veiga puxo a nota de humor co seu monólogo "Tonto el que lo lea".