Os polis Paco e Lola ensinarán seguridade viaria aos escolares de Sanxenxo
Por Redacción
Un total de 2.156 estudantes de todos os ciclos educativos de Sanxenxo serán este curso os destinatarios do Programa Municipal de Seguridade Viaria que a Policía Local desenvolverá dende este mes e ata final de curso.
Segundo informou o Concello, un dos principais obxectivos é lograr que os estudantes do municipio de todos os ciclos educativos velen pola súa propia seguridade e se comporten responsablemente en relación ao uso das vías públicas e o tráfico tendo en consideración aos demais usuarios.
O edil delegado de Seguridade Cidadá, Salvador Durán, explica que esta iniciativa reflicte a "aposta firme" do Goberno local pola formación dos nenos do municipio, pois "resulta fundamental á hora de evitar situacións de risco, como así o están a demostrar os resultados desta actividade que contribúe ademais a que os escolares se familiaricen coa Policía Local".
Os axentes encargados de desenvolver este programa expoñerán aos escolares do municipio as normas que regulan a circulación de vehículos e persoas polas calzadas e beirarrúas. Estarán acompañados neste labor polo 'Poli Paco' e a 'Poli Lola', dous monicreques que contribúen a facer máis comprensibles os contidos das sesións no caso dos alumnos e alumnas de menor idade.
Este ano a acción incidirá na forma axeitada de viaxar no autobús. De feito, as sesións teóricas e prácticas que se desenvolverán ata o mes de maio, estarán complementadas agora con simulacros de evacuación dos autobuses escolares. A Policía Local mostrará aos participantes o xeito de realizar os traxectos con seguridade, a descender do vehículo no momento en que o condutor, os monitores ou os profesores que os acompañen lles indiquen que existe unha emerxencia, entre outras cuestións.
Relacionadas:
-
Unha curtametraxe dos nenos do colexio da Florida, na busca dun premio de seguridade viaria
Por Elena Álvarez Quintá |
-
Sanxenxo acollerá as XI Xornadas estatais de Seguridade Viaria
Por Redacción |
-
O Poli Paco promociona o Sinal PF
Por Redacción |
-
Abelardo Martínez, promotor do "Poli Paco", medalla á seguridade viaria
Por Redacción |
-
Sanxenxo contratará 24 auxiliares de policía para reforzar a seguridade no verán
Por Redacción |
-
O programa de educación viaria da Policía Local de Sanxenxo, premiado polo RACE
Por Redacción |