A reducción de persoal en Correos provoca unha reacción sindical con protestas na rúa
Por Redacción
A partir de febreiro, Comisións Obreiras ten previsto iniciar un proceso de protestas na rúa con paros e folgas por parte do persoal de Correos que se desenvolverán dende marzo a maio ante o recorte de persoal que está a sufrir o equipo.
Eusebio Cousillas, secretario provincial de CC.OO. en Correos, sinala que dende 2008 se suprimiron 400 postos fixos e 266 empregos eventuais na provincia, 25 deles na cidade entre repartición, oficinas e pavillóns. Segundo indica, a empresa está a realizar contratos por horas e días, precarizando o emprego público.
Neste sentido, Cousillas apunta que en Pontevedra o axuste do persoal é desmesurado, tanto nas unidades de repartición coma nas oficinas a pesar de que se abriron dúas oficinas máis na cidade. Aínda así, denuncian que na oficina de García Camba sofre aglomeracións de usuarios debido á supresión de persoal de xanela.
Dende CC.OO. manteñen que se obriga os traballadores a levar carros cunhas cargas moi por enriba das recomendadas e teñen que percorrer moitos máis quilómetros coa obriga de entregar a diario produtos máis especializados que levan consigo máis tempo de traballo.
A empresa, ademais, négase a negociar o convenio, segundo denuncian as forzas sindicais, provocando que se inicie un calendario de actos de protesta que comezará nas próximas semanas.
Relacionadas:
-
Correos abre unha bolsa de emprego con máis de 700 prazas en Pontevedra e concellos da súa contorna
Por María José Pita |
-
A folga de Correos en Pontevedra pon en risco a campaña electoral, segundo CCOO
Por Oskar Viéitez |
-
60% de participación na folga convocada en Correos
Por Cristina Saiz |
-
A xubilación da carteira deixará sen servizo dúas parroquias da Lama
Por Redacción |
-
CGT defende os traballadores de Correos en Pontevedra ante as críticas polos tempos de espera
Por Redacción |
-
CC.OO. alerta de que Correos podería perder 400 carteiros na provincia e "40 ou 45" en Pontevedra
Por Diego Espiño |