Os comedores de Pontevedra estrearán "de xeito inmediato" menús personalizados para escolares con diabete
Por Redacción
Os comedores dos centros escolares de Pontevedra estrearán "de xeito inmediato" menús personalizados para nenos con diabete tanto á hora do almorzo como da comida, como froito dun acordo entre a asociación de nenos e nenas con diabete de Galicia (ANEDIA), a Federación de asociacións de nais e pais de alumnos de Pontevedra (FANPA) e a empresa Serunion, que na actualidade xestiona todos os comedores públicos do municipio.
Nunha reunión celebrada este xoves na Casa Azul, a empresa comprometeuse con Anedia a adaptar os menús ás necesidades específicas de cada neno con diabete que utilice o servizo, seguindo as indicacións aportadas polas familias e polo médico especialista que atenda ao menor. Os menús, como en calquera outro caso, serán variados, completos, sans e equilibrados, pois os nenos con esta enfermidade crónica non teñen por que comer diferente, só hai que ofrecerlle a cantidade de hidratos de carbono indicada polo seu especialista e evitar os de absorción rápida.
Segundo informou Anedia nun comunicado, na actualidade, Serunion xa ofrece un menú para persoas con diabete, pero non está adaptado ás particularidades dos nenos. Limítase a reducir a inxesta de hidratos de carbono e graxas, sen ter en conta a cantidade de hidratos que necesita cada neno en particular.
Como resultado do acordo entre Anedia, a Fanpa e Serunion, todos os comedores escolares pasarán a estar equipados con Glucagón, medicamento que se aplica ás persoas con diabete en caso de hipoglicemia con perda de coñecemento.
Anedia sinala que esta medida permitirá afondar na conciliación da vida familiar e laboral dos pais de nenos con diabete, pois na actualidade son moi poucos os escolares inscritos nos servizos de comedor escolar, dadas as escasas garantías que tiñan os pais de que os seus fillos recibiran a atención alimentaria axeitada.
RUTA DE SENDEIRISMO
Anedia continúa co seu programa de actividades para a sensibilización e concienciación social en relación coa diabete en idade infantil e este domingo ten organizada unha ruta de sendeirismo polo río Tomeza que fomentará a convivencia de nenos e adultos con diabete e sen ela.
A cita será ás 15.15 horas no albergue de peregrinos da rúa Otero Pedrayo, ten una duración aproximada de catro horas e está pensada para un nivel de esixencia baixo. Contará co asesoramento do deportista pontevedrés Diego Castro.
Relacionadas:
-
Anedia continúa a campaña formativa a persoas con diabete e coidadores
Por Redacción |
-
A deportista Susana Ruíz imparte unha charla sobre o dobre reto de facer montañismo con diabete
Por Redacción |
-
Agustín Fernández reúne as ANPAS de Pontevedra para escoitar as súas propostas
Por Redacción |
-
Os escolares de Ponte Sampaio, os primeiros en formarse en deporte, nutrición e coidado da diabete
Por Redacción |
-
A ludoteca de Semana Santa da Fanpa contará con 120 prazas
Por Redacción |
-
Os escolares pontevedreses formaranse en diabete, deporte e nutrición
Por Redacción |
-
Ruta polo río Tomeza para concienciar sobre a diabete infantil
Por Redacción |
-
Unha 'marea azul' de 400 corredores percorre unha milla do casco histórico
Por Redacción |
-
Pontevedra tínguese de azul para pedir que se cree un protocolo de atención a escolares con diabete
Por Redacción |
-
Animan a inundar Pontevedra cunha 'marea azul' contra a diabete
Por Alejandro Espiño |