A Audiencia pontevedresa condena tres narcos por introducir cocaína camuflada en latas de piña
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
A Sección Segunda da Audiencia provincial de Pontevedra acaba de condenar a dous vigueses e un colombiano por un delito contra a saúde pública na modalidade de substancia que causa grave dano á saúde, notoria importancia e de extrema gravidade.
Segundo a sentenza feita pública este luns polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, o acusado Severo Garrido Méndez foi condenado a 8 anos de prisión e multa de 1.800.000 euros.
Igualmente é condenado o cidadán colombiano, Antonio Cruz Vásquez Salazar á pena de 6 anos e un día de prisión e multa de 1.800.000 euros. Neste caso o tribunal considera o atenuante analóxico de confesión, deixándose para o trámite de execución de sentenza a resolución da petición de substitución da pena privativa de liberdade pola expulsión do territorio nacional.
O terceiro condenado é Alberto Cabezas Rubio, como cómplice dun delito contra a saúde pública, á pena de 4 anos e 6 meses de prisión e multa de 1.800.000 euros.
SOCIEDADES SIMULADAS
A sentenza considera "feitos probados" que o acusado Severo Garrido Méndez, titular das sociedades mercantís Vigo Fish e Garrido Import Export, "veuse dedicando a importación ilícita de cocaína dende Sudamérica a España".
Para o desenvolvemento destas ilícitas actividades o tribunal entende que contou coa colaboración do acusado Alberto Cabezas Rubio, quen, a disposición de Severo Garrido Méndez, "veu desenvolvendo actividades encamiñadas á importación de cocaína", tales como manter contactos telefónicos e encontros con outros participantes da trama delituosa, participar no movemento do diñeiro necesario para a importación ou acompañar a Severo a reunións mantidas para levar a cabo a importación da cocaína.
No mes de outubro de 2010 as autoridades de Ecuador puideron aprehender no seu territorio un colector cargado con pescada que se encontraba preparando para o seu envío a España, sendo o seu destinatario o imputado Severo, a través da mercantil por el rexentada, Garrido Import Export. Ao proceder ao rexistro do devandito colector, os axentes actuantes encontraron no seu interior un total de 472 quilogramos de cocaína que o imputado "pretendía introducir en España para a súa posterior distribución entre os consumidores finais do produto, co conseguinte dano para a saúde pública".
A partir do mes de outubro do ano 2010, o imputado Severo estableceu contactos co tamén imputado Antonio Cruz Vásquez Salazar, de nacionalidade colombiana e en situación irregular en España, quen ocupaba o cargo de administrador único da mercantil Euroandina de Importacións SL, "contactos encamiñados á única finalidade de colaborar na importación de cocaína dende Iberoamérica a España".
A partir do mes de decembro de 2010, os devanditos contactos ampliáronse tamén o cidadán portugués Belarmino Manuel Nunes Da Conceicao, quen, como titular e administrador único da sociedade portuguesa Belarmino Manuel Nunes Sociedade Unipessoal Lda., "habería de colaborar tamén de xeito determinante na importación de cocaína que os imputados viñan planeando".
O procedemento, non obstante, non se segue contra este último, ao ser xulgado por estes mesmos feitos polas Autoridades Xudiciais portuguesas.
CAMUFLADA EN LATAS DE PIÿA
No mes de abril de 2011, os contactos entre Severo e Antonio Cruz centráronse na importación dende Colombia dun colector con anacos de piña, que habería de ser remitido por Agropecuaria Industrial Andina, figurando como destinataria a sociedade de Belarmino Manuel.
Para facer posible a devandita operación de narcotráfico, o acusado Alberto Cabezas Rubio, enviado por Severo reuniuse en Madrid o día 30 de abril de 2011 con Antonio Cruz "co fin de que este lle entregase a cantidade de 19.000 euros, necesaria para levar a cabo a operación de narcotráfico,".
Posteriormente, o día 2 de maio de 2011, os acusados Severo e Alberto viaxaron a Lisboa onde se encontraron con Belarmino Manuel, "a quen Severo fixo entrega tanto do diñeiro coma da documentación necesaria para a importación do colector de piña".
Na sentenza sinalan os maxistrados que Alberto, "aínda descoñecendo os detalles, era plenamente consciente da natureza dos negocios realizados por Severo e do seu necesario carácter oculto, tanto nos seus encontros persoais con terceiros, como nos seus contactos telefónicos".
O día 28 de abril de 2.011, a Policía Judiciaria portuguesa puido incautar a cantidade de 41,159 Kg. de cocaína camuflada no cargamento de piña que viña nun colector importado pola sociedade portuguesa, descoñecéndose a devandita incautación polos imputados partícipes na importación ata o día 12 de maio de 2011 en que foron detidos por estes feitos.
O VALOR DA DROGA SUPERABA OS 19 MILLÿNS
Do total de cocaína incautada, puideron analizarse tres latas que botaban un peso de 8.571 gramos, contendo un grao de pureza do 78,60%, o que tería suposto un total de 115.515 doses de cocaína que tería alcanzado no mercado ilícito o prezo de 325.262,63 euros. O cargamento total de cocaína importado polos procesados pode estimarse que tería dado lugar a 1.226.620 doses de cocaína que, atendendo aos prezos das doses de cocaína no segundo semestre do ano 2012, lles tivese xerado 19.331.531,20 euros de ganancia.
O acusado Antonio Cruz recoñeceu durante o xuízo os feitos obxecto de acusación, buscando deste xeito colaborar coa administración de xustiza.
Contra esta sentenza cabe recurso de casación ante a Sala do Penal do Tribunal Supremo.
Relacionadas:
-
O fiscal reduce de 11 a 6 anos a petición de cadea para un acusado de traficar cocaína entre piña e pescada
Por Natalia Puga |
-
Dous acusados de traficar con cocaína entre piña e pescada intentan tombar as picadas que os incriminan
Por Natalia Puga |
-
O narco que apelou á xustiza universal para non ser xulgado en España recoñécese culpable
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Sinalan por terceira vez o xuízo contra tres narcos acusados de introducir cocaína polo Porto de Marín
Por Redacción |
-
A Audiencia de Pontevedra nega a xustiza universal a un narco que pretendía librarse de ser xulgado en España
Por Natalia Puga |
-
Pontevedra afronta o primeiro caso dun narco que apela á xustiza universal para non ser xulgado en España
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Piden 33 anos de prisión para os tres acusados de introducir 56 quilos de cocaína en latas de piña
Por Redacción |