Educación replica aos pais que hai outras prioridades antes que arranxar o Froebel
Por Oskar Viéitez
O xefe territorial de Educación, César Pérez Ares, saíu ao paso do as queixas formuladas pola Asociación de Nais e Pais (ANPA) do Colexio Froebel que convocou a comunidade escolar a unha reunión o próximo 26 de maio para analizar a situación na que se encontra o centro e decidir se inician medidas de presión para demandar que se acometan as obras de mellora das instalacións.
O xefe territorial recordou que xa informou no seu día aos pais e a dirección do centro que en relación aos traballos que faltan, serán executados ao lorgo do 2015/16, "polo que voltarase a manter unha reunión en setembro para analizar o orzamento do mesmo".
En canto á terceira fase do proxecto de reforma do centro, o xefe territorial recordou que supón un investimento dun millón de euros, "e nestes tempos a Xunta ten que priorizar as obras de ampliación dos CIFP A Xunqueira e Carlos Oroza, así como a cuberta do IES Sánchez Cantón, que supoñen un total de máis de 1,7 millóns de euros, aos que se deberá sumar o custo doutras obras de menor contía en centros de Primaria e Secundaria da cidade de Pontevedra", declarou.
Para César Pérez Ares, isto non quere dicir que as obras da terceira fase do Froebel non se vaian acometer, "senón que se irán analizando e executando segundo se conte con orzamento, tendo en conta que a súa execución total nestes intres é imposible por razóns económicas pero tamén técnicas, xa que suporía a paralización da actividade escolar a lo menos ao longo de medio ano".
Respecto ás obras levadas a cabo nas dúas primeiras fases, Pérez Ares sinala que supuxeron un investimento de 870.000 euros.
E recoñece que queda por acometer da segunda fase a reforma da carpintaría exterior, restaurando a existente nas dependencias de dirección, pedagoxía e orientación. Tamén está comprometida a montaxe de novas ventás e portas, todas elas de aluminio con caixa de persiana compacta e recercado con illamento en fiestra.
Neste sentido, para a Consellería de Educación "o prioritario é a mellora das instalacións dos centros de FP, dado o volume de alumnado que nestes intres presentan e dada alta demanda que temos para os vindeiros cursos, e incluso, en algúns casos, como é o ciclo de madeira para garantir a seguridade do alumnado".
Relacionadas:
-
Case 100.000 euros para a reforma da cuberta do IES Sánchez Cantón
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Os pais do Froebel e Educación achegan posturas a tres días do inicio do curso
Por Redacción |
-
Tensión ante a sede da Xunta polo atraso das obras do Froebel
Por Oskar Viéitez & Diego Espiño | Creada e actualizada
-
Chega ao Parlamento a reivindicación das obras incompletas do Froebel
Por Oskar Viéitez |
-
A ANPA do Colexio Froebel alerta dos riscos que presentan as instalacións para os escolares
Por Redacción |