Os pais do Froebel e Educación achegan posturas a tres días do inicio do curso
Por Redacción
A asociación de nais e pais de alumnos (Anpa) do CEIP Froebel de Pontevedra e a Consellería de Cultura e Educación achegaron este luns posturas no medio da polémica que levan a protagonizar varios meses polas obras pendentes no centro. O xefe territorial, César Pérez Ares, mantivo unha reunión cos membros da dirección e da Anpa para analizar as obras executadas e pendentes no centro, dando así cumprimento ao compromiso adquirido en abril coa comunidade educativa deste centro.
Ao término da reunión, o presidente da Anpa, José Vázquez, indicou que os pais esperaban máis celeridade nas obras, pero agradecen que, por primeira vez, a consellería lles deu un calendario pechado de cando se van facer as actuacións pendentes.
Á vista do contido da reunión, este luns tiveron unha reunión interna da asociación na que a xunta directiva da anpa, "ante a imposibilidade de convocar asemblea de socios con tan pouco tempo", acordou desconvocar a mobilización que tiñan prevista para o día 10 de setembro coincidindo co inicio oficial do curso para Infantil e Primaria, "posto que obtivemos a resposta solicitada".
O día 21 de setembro farán unha asemblea de socios na que se falará deste tema "e decidiremos se facemos outras mobilizacións ou se aceptamos os prazos fixados; pero polo de agora pensamos que non ten sentido continuar coa mobilización posto que obtivemos o que pediamos", informaron dende a Anpa nun comunicado remitido aos pais.
Deste xeito a Anpa do Froebel dalle un voto de confianza a Educación, que este luns lles trasladou que a Xunta ten reservados 70.000 euros para acometer a reforma da carpintería exterior, restaurando a existente nas dependencias de dirección, pedagoxía e orientación ao longo do curso.
Durante a reunión, que a Xunta sinala que estivo "marcada por un entendemento cordial e de diálogo", o xefe territorial trasladoulles que se montarán novas fiestras e portas, todas elas de aluminio con caixa de persiana compacta e recercado con illamento en fiestra.
En canto á terceira fase do proxecto de reforma do centro, o xefe territorial recordou que o compromiso do conselleiro de Educación, Román Rodríguez, é que se executará a partir do curso 2016/17 en dúas fases.
Relacionadas:
-
Case 100.000 euros para a reforma da cuberta do IES Sánchez Cantón
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Os pais do Froebel queren que a Xunta se desculpe con eles
Por Oskar Viéitez |
-
Tensión ante a sede da Xunta polo atraso das obras do Froebel
Por Oskar Viéitez & Diego Espiño | Creada e actualizada
-
Chega ao Parlamento a reivindicación das obras incompletas do Froebel
Por Oskar Viéitez |
-
Educación replica aos pais que hai outras prioridades antes que arranxar o Froebel
Por Oskar Viéitez |