Os pais do Froebel queren que a Xunta se desculpe con eles
Por Oskar Viéitez
Os pais do colexio Froebel que este xoves acudiron con intención "pacífica" ao edificio da Xunta en Campolongo, ante o "abusivo e denigrante trato recibido" por parte da Policía Autonómica, esperan recibir "algún tipo de desculpa por parte da administración".
Este xoves, 18 de xuño, por iniciativa da Asociación de Nais e Pais (ANPA) Pardo Bazán, do colexio Froebel, un grupo numeroso de pais, acompañados dos seus fillos, acudiron ao rexistro do edificio administrativo co obxectivo de entregar no rexistro un escrito no que se lle solicitaba ao xefe territorial da Consellería de Educación, César Pérez Ares, a conclusión das obras prometidas no centro escolar.
A "sorpresa" foi que ao chegar a sede da Xunta lles estaban a esperar un grupo de policías que lles impediron o libre acceso ao edificio "indicándonos que deberiamos entrar en grupos de 3 persoas como máximo".
"Ningún axente nos xustificou esta medida, é máis, cando fomos logrando acceder ao interior do edificio, a nosa sorpresa foi que a actividade administrativa era máis ben escasa co que a restrición adoptada, xa de por si inxustificable, tornouse en intolerable", din os afectados.
Nun comunicado a ANPA desde centro educativo público da cidade de Pontevedra lembra que acudiron a Delegación Territorial da Xunta "co único ánimo de facernos ver e oír", polo que ven coma "unha reacción desproporcionada", a actitude amosada polos axentes de policía "máxime se temos en conta que estaban nosos fillos e fillas presenciando todo o que alí sucedeu".
"Gustaríanos recibir algún tipo de desculpa por parte da administración en vez de botarnos na cara os investimentos feitos no centro", din os pais no seu escrito.
Dende a ANPA aseguran que "sempre recoñecemos o realizado", en relación coa primeira fase das obras e parte da segunda, "pero iso non exime á administración de cumprir as súas promesas e concluír unhas obras que son máis que necesarias".
SOLUCIÓN POLÍTICA
O primeiro grupo de pais que accederon á sede administrativa presentaron o escrito e "vendo que as cousas se estaban a poñer moi tensas no acceso ao edificio", decidiron subir ás oficinas do xefe territorial para saber se se atopaba alí e comentarlle o que estaba a suceder. Non acudiron en representación de todo o grupo, senón simplemente a intentar que alguén intercedese na situación para evitar que se agravara.
Lembran que a causa de que non se finalicen as obras "non é técnica, senón política"
O xefe territorial non se encontraba no despacho e a secretaria ofreceulles falar co arquitecto. Rexeitaron o ofrecemento "porque primeiro, non ían como representantes da ANPA e segundo, nese momento non necesitaban un técnico que explicase a situación das obras, de sobra coñecida, senón un político que solucionase o que estaba a suceder".
Dende a ANPA lembran que a causa de que non se finalicen as obras "non é técnica, senón política", xa que entenden que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria "non destina os recursos económicos para que se poidan executar unhas obras que estaba previsto que se concluísen en 2015 e que a día de hoxe nin sequera están presupostadas".