Ponte Caldelas preparará 800 quilos de troita para servir na 49 edición da Festa da Troita
Por Redacción
Uns 800 quilos de troitas fritas e en escabeche. É a cantidade que prevén servir os organizadores da 49 edición da Festa da Troita de Ponte Caldelas, que se celebrará os próximos días 30 e 31 de maio. Este evento gastronómico, declarado de interese turístico galego e un dos máis antigos de toda España, volverá atraer numerosas persoas chegadas dende toda a comarca.
Perfecto Rodríguez sinalou este martes que a concesión da primeira Bandeira Azul a unha praia fluvial en Galicia, A Calzada, servirá como realce dunha festa que busca ser un motivo de encontro e desfrute familiar.
Os postos de degustación poñerán á venda un lote de troitas, pan e viño a uns prezos populares de tan só 4 euros. No caso de querer levarse unha cunca de barro conmemorativa do evento, o prezo será de tan só 5 euros. O horario de apertura dos postos será o sábado de 19 a 22 horas e o domingo de 12 a 14:30 horas e de 19 a 21 horas.
Nesta edición, o evento volverá estar caracterizado polo seu compromiso activo en favor da sostibilidade, a concienciación cidadá e a integración social dos colectivos que habitualmente colaboran con esta festa como os alumnos da Fundación Xoan XXIII. Estas persoas volverán exercer funcións dunha especie de "axentes verdes" que axudarán a elevar a concienciación cidadá pola conservación e respecto polo medio.
Ademais, no posto de degustación instalado na Alameda, volveranse utilizar pratos, manteis e panos da mesa de materiais que favorezan a súa posterior conversión en compost, xunto cos residuos orgánicos procedentes da degustación popular de troitas. Tamén se instalará na propia Alameda de Ponte Caldelas, colectores para a reciclaxe e a zona de degustación estará iluminada con farois de baixo consumo, con luminarias tipo LED.
PROGRAMACIÓN DA FESTA
O programa de festas considera diversas ofertas lúdico-culturais que comeza o venres coa inauguración, ás 20 horas no Centro Cultural de Ponte Caldelas, da exposición de tapices de Nieves Echegaray Fraile e do certame de corais, ás 21:30 horas no colexio Cordo Boullosa, no que participarán as agrupacións Coro "Brisa do Mar" de Camariñas, a Coral Polifónica "Acordes" de Bueu e a Coral Valdarrosa de Ponte Caldelas.
O sábado pola tarde, a celebración festiva continuará coa actuación musical da Escola de Bailes Tradicionais Trouleada de Ponte Caldelas (ás 19:30 horas na Alameda), o Grupo de Baile Moderno do colexio público da Reigosa (ás 20 horas) e o grupo de baile das "Mulleres Rurais Aires del Norte y Olé" (ás 20:30 horas). A verbena do sábado correrá a cargo das orquestras Mosaico e Limón, a partir das 22 horas na Alameda.
O domingo, actuará dende primeiras horas da mañá a Banda de Música Xuvenil de Barro, que realizará un pasarrúas e concerto na Alameda. Ás 13 horas entregaranse os trofeos do Campionato de Pesca e á tarde, dende as 19 horas, poñerán a fin de festa o VIII Festival de Baile, na Alameda, coa participación dos Coribantes de Buchabade, o grupo de baile "Xaldón" de Corcubión e o grupo A.C.D. Atlántica, de Matamá (Vigo).
CONCURSO DE PESCA
En canto ao Concurso de Pesca Deportiva que se desenvolverá durante os días 30 e 31 de maio nas marxes do río Verdugo, o alcalde de Ponte Caldelas manifestou que o número de inscritos na proba roldará o centenar de persoas xa que aínda que non está pechado por completo o proceso de inscrición, que finaliza este mércores 27 de maio, os datos avanzan que estarán próxima a esa cifra.
Perfecto Rodríguez sinalou que Ponte Caldelas é cita obrigada para os amantes da pesca de río e sinalou que este evento está presente no calendario dos afeccionados de toda Galicia e norte de Portugal como o demostra a afluencia de pescadores e visitantes da Eurorrexión que fan deste certame un dos máis esperados da tempada e que gaña, cada vez, máis adeptos.
Relacionadas:
-
"Polo río abaixo van 300 troitas de pé..."
Por Redacción |
-
Cotobade gaña o concurso da Troita de Ponte Caldelas
Por Redacción |
-
A Festa da troita celebrará este domingo coa París de Noia a bandeira azul para a praia fluvial
Por Redacción |
-
Alumnos dun colexio de Ponte Caldelas soltan 1.000 troitas para repoboar o río Verdugo
Por Redacción |
-
O Verdugo dá a benvida a 3.000 novas crías de troita
Por Redacción |
-
Exitosa segunda edición da Ruta BTTroita
Por Redacción |
-
Ponte Caldelas inicia os preparativos para a Festa da Troita
Por Redacción |