Conclúe no Porto de Marín un proxecto piloto sobre Pesca Fantasma
Por Oskar Viéitez
A sede da Autoridade Portuaria de Marín e Ría de Pontevedra acolleu este luns a xornada de presentación dos resultados do proxecto Pescal (Pesca Sostible en Caladoiros Limpos), no que interveu a Organización de Produtores de Pesca Fresca da Ría de Marín.
O proxecto Pescal, que foi cofinanciado con fondos europeos, ensaiou unha experiencia piloto de estudo de ocorrencia de "pesca fantasma", é dicir, os equipos de pesca perdidos ou abandonados que capturan a todos os seres vivos que se cruzan polo seu camiño provocándolles a morte.
En concreto, realizouse un estudo monitorizado dos efectos dunha arte de pesca perdida no fondo mariña. Unha iniciativa destinada a coñecer o potencial impacto ecolóxico xerado por redes e aparellos de pesca, fose de uso, sobre os organismos mariños nas nosas costas.
Esta experiencia consistía en instalar unha serie de aparellos piloto, consistentes en panos de rede de enmalle que simulaba as condicións de perda e enganche no fondo mariño. Tamén se analizou o estado da cuestión "mariñar litter" (lixo mariño) nas augas de Galicia.
XORNADAS
Á xornada de presentación de resultados asistiron, o director xeral de Ordenación Pesqueira do do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio (Magrama), Carlos María Larrañaga Ces, e a Directora do Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR, Paloma Rueda Crespo, así como José Benito Suárez Costa, presidente da Autoridade Portuaria e Andrés Guiance, presidente de Opromar.
Carlos Larrañaga, subliñou a importancia de obter información sobre a magnitude e repercusións do problema dos lixos mariños "para poder establecer medidas que eliminen ou minimicen ao máximo a súa presenza nos espazos mariños".
O obxectivo do proxecto Pescal foi establecer, en colaboración co sector pesqueiro, accións de recollida de residuos e de artes de pesca fóra de uso que se encontran no mar e nos fondos mariños, tarefas que se desenvolveron mentres a frota pesqueira navegaba.
Tamén se pretendía a posta en práctica dunha serie de campañas de limpeza de fondos mariños en zonas marítimas costeiras delimitadas nas que se detectase a acumulación de considerables cantidades de residuos. Tratouse dunha experiencia de catro xornadas de duración, nas que o barco saíu exclusivamente a recoller lixo do fondo do mar, recuperando un total de 2.000 quilos de lixo.
Relacionadas:
-
A Autoridade Portuaria adhírese ao decálogo contra os lixos mariños
Por Redacción |
-
Retiran das proximidades da illa de Ons case 700 quilos de cable de telefonía submarina moi antigo
Por Redacción |
-
O pesqueiro 'Atardecer' de Marín participa nunha experiencia piloto para limpeza de fondos mariños
Por Redacción |