Rueda advirte ao novo goberno da Deputación: "Se empezamos unha guerra competencial os que saen perdendo son os cidadáns"
Por Oskar Viéitez
O vicepresidente da Xunta de Galicia e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda advertiu o novo goberno coaligado (PSdeG e BNG) da Deputación de Pontevedra que non abra unha "guerra competencial".
Rueda asistiu este venres ao pleno constitutivo da Deputación pontevedresa no que a socialista Carmela Silva foi investida presidenta.
En declaracións para PontevedraViva o vicepresidente do Goberno galego mostrou de xeito contundente a postura do Executivo que preside Núñez Feijóo fronte á intención plasmada no pacto selado entre o PSdeG e o BNG para conseguir a Deputación de Pontevedra que prevé, entre as súas liñas programáticas, "adelgazar" o ente provincial e "reducir as súas competencias".
"Aquí non se trata de devolver as competencias as unhas ás outras. Se trata de que as competencias que ten cada un se fagan coordinadamente", sentenciou Rueda Valenzuela.
Na presentación este xoves do pacto, socialistas e nacionalistas sinalaron que traballarán para transferir á Xunta a rede viaria provincial interurbana e chegar a un acordo global co Goberno galego para ceder Príncipe Felipe, Areeiro, Mouriscade, o Centro vacacional da Lanzada ou o Consorcio Provincial de Bombeiros. Tamén aos respectivos concellos aquelas vías que non teñan carácter intermunicipal e á Universidade de Vigo a Escola de Enfermería.
Rueda matizou "tería que ser dende logo cos recursos suficientes"
Rueda insistiu en que "non se trata de solaparse nin de duplicar competencias coa Xunta de Galicia pero si de facer moitas cousas conxuntamente", en calquera caso recorda que "aínda non plantexaron nada" polo que espera que a nova presidenta Carmela Silva traslade as súas intencións ao Executivo Autonómico. "Iremos escoitando o que nos teñan que dicir".
Sen esperar a ese encontro entre ambas as dúas institucións, o vicepresidente galego xa advertiu que "se empezamos unha guerra competencial, é dicir que cousas está facendo a Xunta de Galicia que as teñan que facer as deputacións e viceversa, creo que ao final os que saen perdendo son os cidadáns".
Alfonso Rueda entende que "con independencia de que poidamos falar" ao seu xuízo "do que se trata é de que a administración que o poida facer mellor que o faga, con exclusiva ou coordinadamente, como estaba a facer ata agora", matizou.
"Iso require botarlle unha pensada e non falar alegremente", dixo Rueda
Neste escenario sitúa tamén o problema do financiamento das competencias que se queren transferir outra administración xa que Rueda indicou que tería que ser "dende logo cos recursos suficientes".
Rueda enmarcou está proposta do goberno bipartito da Deputación unha simple "declaración política" pero esixiu "seriedade" e que "nos sentemos e que vexamos de que estamos a falar porque diante dun micrófono se poden dicir moitas cousas".
Finalmente o número dous da Xunta mostrou o seu convencemento de que "cando falamos de prestacións aos cidadáns o que menos lles interesa é quen o a presta o que lles interesa é que lla preste quen mellor o poida facer".
"Iso require botarlle unha pensada e non falar alegremente", concluíu.
Relacionadas:
-
Propoñen recuperar a xestión pública dos parques provinciais de bombeiros
Por Redacción |
-
Carmela Silva pide "lealdade institucional" a Feijóo e a Rueda ante as súas críticas ao novo goberno da Deputación
Por Oskar Viéitez |
-
Carmela Silva reivindica o protagonismo das mulleres no seu primeiro acto como presidenta da Deputación
Por Oskar Viéitez & Cristina Saiz |
-
Sen sorpresas. Carmela Silva presidenta da Deputación
Por Oskar Viéitez & Cristina Saiz |
-
Acordo entre PSdeG-PSOE e BNG para gobernar a Deputación de Pontevedra
Por Alejandro Espiño | Creada e actualizada