Acordo entre PSdeG-PSOE e BNG para gobernar a Deputación de Pontevedra
Por Alejandro Espiño
Creada e actualizada
Creada e actualizada
Un acordo que posibilita un goberno "estable e cohesionado". Así definiron Santos Héctor e César Mosquera o pacto que alcanzaron PSdeG-PSOE e BNG para gobernar a Deputación de Pontevedra. A socialista Carmela Silva será, substituíndo o popular Rafael Louzán, a nova presidenta dunha institución provincial, que "vai a cambiar radicalmente", aseguraron os voceiros de ambas as dúas formacións.
Neste acordo programático, asinado este mediodía no Pazo provincial, recóllese que César Mosquera será o novo vicepresidente da Deputación. Pero tanto el coma Santos Héctor reiteraron que o seu "será un goberno non de dúas forzas políticas", senón que todo o protagonismo recaerá "nos concellos e nos cidadáns", ofrecéndoos a todos eles, sinalaron, unha "forma diferente" de gobernar.
Tras recoñecer que as negociacións "non foron fáciles" pola gran cantidade de asuntos a tratar, Mosquera celebrou que se logrou pechar un acordo "sólido" e que permite que por primeira vez na Deputación de Pontevedra haxa un programa de goberno. Nel, recóllese como obxectivos centrarse nas competencias locais, apostar pola transparencia, repartir equitativamente os recursos dispoñibles ou rematar coa "discrecionalidade caciquil" actual.
Aínda que os aspectos de organización do goberno se irán aprobando "unha vez se conforme", o pacto recolle que, en liñas xerais, o PSdeG-PSOE xestionará as áreas de Economía e Facenda, Cooperación municipal, Emprego, Innovación, Promoción económica e Turismo e Xuventude, Deportes e Igualdade. Será a súa competencia, ademais, Turismo Rías Baixas, o ORAL, a Escola de Canteiros, o Castelo de Soutomaior ou o Campamento da Lanzada.
Pola súa banda, o BNG asumirá Obras e Infraestruturas, Benestar Social, Medio Ambiente e desenvolvemento sostible e Cultura. Entre outras cuestións, coordinará os traballos en todas as vías e estradas provinciais, o Polígono de Barro-Meis, a Cidade Infantil Príncipe Felipe, a Escola de Enfermaría, a Finca de Mouriscade, a Estación do Areeiro, o Arquivo Provincial ou o Museo de Pontevedra. A intención con este último é que volva ser organismo autónomo.
ADELGAZAR A DEPUTACIÓN
En todo caso, a intención de PSdeG-PSOE e BNG é adelgazar a Deputación e reducir as súas competencias. Así, traballarán para transferir á Xunta a rede viaria provincial interurbana e aos respectivos concellos aquelas vías que non teñan carácter intermunicipal; ou chegar a un acordo global co goberno galego para cederlles Príncipe Felipe, Areeiro, Mouriscade, A Lanzada ou o consorcio provincial de Bomberos; e Enfermaría á Universidade de Vigo.
"Haberá que forzar o que se poida", avanzou Mosquera, que sinalou que tamén esperan alcanzar un "gran pacto" con todos os concellos da provincia para a repartición de fondos que a Deputación destina a estes, dándolles a "máxima autonomía" para que os xestione e corresponsabilizándo os na prestación de servizos para "non crear a expectativa de que a Deputación lles faga cousas a maiores do que lle corresponde".
Neste sentido, a repartición de fondos farase baixo criterios "totalmente obxectivos" e desaparecerá a reserva do 20% dispoñible para o presidente, limitarase a un máximo do 5% do presuposto inicial o diñeiro dedicado a subvencións nominativas ou excepcionais, xustificadas polo interese xeral; e Vigo e Pontevedra volverán quedar fóra destes plans, estando obrigado a asinar convenios específicos.
Ademais, o novo goberno provincial acordou potenciar novas áreas de traballo como a mobilidade alternativa, a seguridade vial e a accesibilidade, os parques forestais para recuperar o monte da provincia ou a posta en marcha de plantas comarcais de tratamento de residuos, así como outras medidas que fomenten a redución, reutilización e reciclaxe, cun acento especial na compostaxe.
O texto íntegro do pacto de goberno pódese consultar neste enlace.
A nova corporación provincial e a toma de posesión de Carmela Silva como presidenta será este venres ás doce do mediodía no Pazo provincial.
Relacionadas:
-
Cambio histórico na Deputación: Carmela Silva, presidenta
Por Redacción |
-
O BNG distribúe as súas áreas de goberno na Deputación
Por Oskar Viéitez |
-
Carmela Silva reivindica o protagonismo das mulleres no seu primeiro acto como presidenta da Deputación
Por Oskar Viéitez & Cristina Saiz |
-
Rueda advirte ao novo goberno da Deputación: "Se empezamos unha guerra competencial os que saen perdendo son os cidadáns"
Por Oskar Viéitez |
-
Sen sorpresas. Carmela Silva presidenta da Deputación
Por Oskar Viéitez & Cristina Saiz |
-
Louzán, sobre o acordo BNG-PSOE: "Haberá unha parte do Goberno que di unha cousa e outra que di xustamente a contraria"
Por Natalia Puga |
-
Louzán fai 'pellas' no último pleno da Deputación
Por Oskar Viéitez & Cristina Saiz |
-
O próximo venres constitúese a nova corporación da Deputacion de Pontevedra
Por Oskar Viéitez |