O Estado cede definitivamente ao Concello os terreos do colexio de Ponte Sampaio
Por Redacción
A parcela na que se asenta o colexio de Ponte Sampaio xa é de titularidade municipal. Unha orde ministerial, asinada o pasado día 2 de xuño e publicada no BOE esta mesma semana, recolle a cesión gratuíta que o Goberno fixo ao Concello de Pontevedra destes terreos. Trátase do último trámite que garante, definitivamente, a continuidade da actividade educativa neste centro escolar do rural pontevedrés.
O colexio, que ocupa unha superficie de 3.540 metros cadrados situados na beira do río Verdugo, construíuse en terreos de dominio público marítimo-terrestre e a súa concesión era renovada de forma periódica. En xuño de 2010, o Concello solicitou a súa desafectación e a súa posterior cesión gratuíta.
A primeira petición foi atendida polo Ministerio de Medio en decembro de 2014, se ben a actividade escolar xa estaba salvada ao quedar fóra do ámbito de aplicación da Lei de Costas aprobada dous anos antes. E agora, é o Ministerio de Facenda -como xestor do patrimonio do Estado- o que aceptou ceder os terreos ao Concello de Pontevedra.
Na acta de cesión, asinada o pasado 16 de xullo por Vicente García Legísima como edil de Patrimonio e por Francisco López Peña como delegado provincial do ministerio, se acorda que a devandita parcela poderá ser utilizada unicamente para a súa actividade actual, construcións de educación infantil e primaria.
No caso contrario, sinala o acordo, os terreos deberían ser devoltos ao Estado quen podería esixirlle ao Concello, logo de taxación pericial, o aboamento das cantidades nas que se fixasen os cambios ou deterioracións que se producisen nestes dende a data de cesión. Para os efectos de control, o goberno municipal debe emitir un informe cada cinco anos no que se acredite o destino que ten a parcela.
Ademais, o Concello deberá reflectir tanto nos medios de identificación externa do inmoble coma nos de difusión de actividades, que o colexio ocupa uns terreos que foron cedidos polo Estado para estes usos educativos.
Relacionadas:
-
Reclaman a Costas a desafección de máis de 20.000 metros cadrados en Ponte Sampaio
Por Alejandro Espiño |
-
O Concello pide a Costas a innecesariedade dos terreos do campo de fútbol de Ponte Sampaio
Por Redacción |
-
Os escolares de Ponte Sampaio, os primeiros en formarse en deporte, nutrición e coidado da diabete
Por Redacción |
-
Héroes de Ponte Sampaio pide a compra dos terreos fronte ao colexio público para crear un aparcadoiro
Por Redacción |