Unha decena de hostaleiros compiten no "Caldelas Tapas"
Por Redacción
O alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, e o concelleiro Manuel Barreiro xunto cunha decena de hostaleiros participaron na presentación pública da primeira edición do concurso "Caldelas Tapas" que terá lugar en dez establecementos do municipio ao longo do mes de agosto e que combinará a creatividade culinaria co atractivo gastronómico que ofrece o variado elenco hostaleiro caldelán.
A presentación, feita no Salón de Plenos, especialmente preparado para a ocasión, serviu de punto de partida para unha iniciativa que pretende dinamizar o sector hostaleiro durante os venres do mes de agosto e que impulsa a Asociación de Comerciantes e Empresarios (Coempo) e o Concello.
Os dez establecementos hostaleiros (Mesón Parada, Cafetería Aries, O Recanto, A Taberna de Laxoso, Cervexaría Alameda, Taberna Enxebre Eicho de dar Queridiña, Verdugolandia, Restaurante O Ramís, Restaurante Casa 501 e Cafetería Panadería Pecas) competirán por agradar e sorprender aos seus clientes cun pincho gratuíto que se servirá con cada consumición e que poderá ser votada (de 1 a 5 puntos) nunhas tarxetas especialmente habilitadas para elo.
A tapa que obteña o maior número de votos será a gañadora e o Concello e Coempo entregaránlle ao establecemento gañador unha placa que lucirá nas súas vitrinas como xeito de acreditar ser o vencedor da primeira edición deste concurso.
Para motivar a participación cidadá na emisión dos votos, aquelas persoas que completen a cartilla cos dez selos acreditativos de ter probados tódolos pinchos participantes entrarán no sorteo dun vale de 100 euros para ser canxeable por produtos ou servizos dos establecementos adheridos a Coempo ou unha estancia dunha fin de semana para dúas persoas nun establecemento hostaleiro do municipio.
Relacionadas:
-
Caldelas Tapas superou as 6.000 unidades vendidas e xerou un movemento económico de 15.000 euros
Por Redacción |
-
Catorce establecementos hostaleiros participan na segunda edición de Caldelas Tapas
Por Redacción |
-
A feira de oportunidades de Ponte Caldelas celebrarase os días 13 e 14 de febreiro
Por Redacción |
-
Arqueoloxía e Rock van da man en Ponte Caldelas, con pincho gratis
Por Oskar Viéitez |
-
Concello e hosteleiros acordan organizar o primeiro "Caldelas Tapas"
Por Redacción |