Máis cartos para a compra de composteiros individuais
Por Redacción
O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, César Mosquera, anunciou a inversión doutros 150.000 euros para a compra de composteiros individuais para os veciños de toda a provincia. Esta nova achega súmase á de 300.000 euros destinada á adquisición de composteiros comunitarios que xa fora anunciada a semana pasada.
O obxectivo desta aposta da Deputación pola compostaxe é que os municipios da provincia dispoñan dun modelo de tratamento de lixo moito máis económico e medioambientalmente sostible, ao reducir a cantidade de residuos que entran no circuíto xeral e se incineran en Sogama e evitar o uso de abonos químicos para fertilizar a terra.
Os composteiros individuais que vai mercar a Deputación permiten que calquera veciño, instalando o recipiente nalgún lugar da súa finca particular, poida transformar os seus residuos orgánicos de cociña, xardín e horta en abono natural. Esta transformación prodúcese nun pequeno bidón ou tanque na que se xuntan os residuos orgánicos domésticos cunha parte seca (estruturante) e se deixan repousar durante varias semanas nun proceso que apenas require mantemento.
O compost serviría, logo do proceso, para abonar esa mesma finca onde se xeraron os residuos iniciais, o que eliminaría os custes do sistema actual, que require de gasto para o traslado do lixo e para súa valorización. Mediante autocompostaxe, de feito, pódense chegar a reducir ata un 30-40% dos residuos dunha familia que entran no circuíto xeral.
DISPERSIÓN
Os técnicos especializados en residuos da Deputación apostaban inicialmente só por áreas de compostaxe colectivas situadas en lugares públicos comunitarios nas que os veciños puideran deixar o seu lixo orgánico e, despois, un mestre composteiro se encargase de aportar o estruturante e facer o control do proceso.
Finalmente, escoitadas as aportacións dos concellos e colectivos, os técnicos decidiron apostar tamén pola autocompostaxe de forma paralela á compostaxe comunitaria debido, entre outras cousas, á dispersión da poboación dalgúns municipios da provincia de Pontevedra. Esa dispersión non favorecía a colaboración veciñal no novo sistema de reciclaxe. Así, coa nova liña de composteiros individuais se queren dar tódalas facilidades aos gobernos locais para poder participar con garantías de éxito na iniciativa.
Relacionadas:
-
Sanxenxo quere instalar en Dorrón o primeiro composteiro comunitario do municipio
Por Redacción |
-
A Deputación decidirá en xaneiro onde instalar os primeiros centros de compostaxe comunitarios
Por Redacción |
-
A Deputación de Pontevedra facilita a compostaxe na provincia a través do programa Revitaliza
Por Noticia patrocinada |
-
173 solicitudes presentadas nun só día para unha das 20 prazas de mestre composteiro
Por Alejandro Espiño |
-
Queres traballar para a Deputación por 1.400 euros ao mes?
Por Oskar Viéitez |
-
Os primeiros composteiros comunais estarán disponibles no primeiro trimestre de 2016
Por Redacción |
-
Os alcaldes da comarca, dispostos a sumarse ao plan de compostaxe da Deputación
Por Alejandro Espiño |
-
"Paso adiante irreversible" na concienciación sobre a compostaxe
Por Redacción |