A Deputación decidirá en xaneiro onde instalar os primeiros centros de compostaxe comunitarios
Por Redacción
A Deputación de Pontevedra decidirá no vindeiro mes de xaneiro cales serán os proxectos elexidos para a instalación dos primeiros centros de compostaxe comunitarios na provincia. Esta data foi acordada logo da reunión mantida este xoves entre o vicepresidente provincial, César Mosquera, e alcaldes e concelleiros dos municipios pontevedreses para consensuar as bases e criterios de reparto dos primeiros 450 módulos da primeira fase do Plan Compost do organismo provincial.
Ademais das achegas realizadas no encontro deste xoves, os técnicos locais poderán facer máis aportacións ata finais da vindeira semana.
O vicepresidente explicou ao máis de medio cento de asistentes que "estamos no momento de gañar a batalla dos composteiros comunitarios poñendo en marcha instalacións con garantías de funcionamento para que sirvan de espello positivo e de cabeza tractora para os demais concellos interesados".
Entre as aportacións que realizaron os concellos na reunión, a máis importante, e que se incorporará ao texto definitivo, será a ampliación do prazo para presentar as candidaturas dos concellos ata dous meses despois da publicación das bases no Boletín Oficial da Provincia (en lugar de un mes). O prazo de presentación dos proxectos para cada proposta de compostaxe comunitaria finalizará, pois, a mediados de xaneiro.
Logo, unha comisión de valoración da Deputación fará a escolma dos máis viables nun informe para chegar a unha proposta de resolución definitiva co visto bo do departamento de Intervención.
Segundo asegurou o vicepresidente, deste xeito poderanse instalar os centros a finais de febreiro nas súas ubicacións definitivas, data que coincide coa fin da formación dos mestres composteiros.
Relacionadas:
-
Os concellos terán ata finais de xaneiro para solicitar centros de compostaxe comunitarios
Por Redacción |
-
Sanxenxo quere instalar en Dorrón o primeiro composteiro comunitario do municipio
Por Redacción |
-
O exame para as bolsas de mestres composteiros reúne a 309 aspirantes
Por Redacción |
-
Sanxenxo habilita unha lista de reservas para adxudicar os composteiros da Deputación
Por Redacción |
-
Máis de 460 persoas aspiran a ser mestre composteiro
Por Redacción |
-
A Deputación de Pontevedra facilita a compostaxe na provincia a través do programa Revitaliza
Por Noticia patrocinada |
-
Máis cartos para a compra de composteiros individuais
Por Redacción |
-
Os alcaldes da comarca, dispostos a sumarse ao plan de compostaxe da Deputación
Por Alejandro Espiño |