Sanxenxo quere instalar en Dorrón o primeiro composteiro comunitario do municipio
Por Redacción
O goberno municipal de Sanxenxo elixiu a parroquia de Dorrón como o posible primeiro destino dos composteiros comunitarios que se buscan instalar no municipio, da man da Deputación de Pontevedra.
Así llo trasladará a concelleira de Medio Ambiente, Coral González Haba, aos veciños nunha reunión informativa que terá lugar o vindeiro luns ás 20.30 horas na Casa de Cultura.
Trátase da primeira reunión que se convoca por este tema, xa que a súa sustentabilidade depende directamente da implicación dos colectivos veciñais con este proxecto.
Tanto a concelleira como a técnica de Medio Ambiente que acudirá á reunión explicarán que a compostaxe é o proceso de transformación da materia orgánica para obter compost, un fertilizante natural que logo sería distribuído entre os veciños que o necesitasen.
Esta transformación lévase a cabo en calquera casa ou zona comunitaria mediante un composteiro, sen ningún tipo de mecanismo, motor nin gasto de mantemento. Non esixe máis que a implicación e, en tempo, dez minutos á semana. De cada quilo orgánico obtéñense 20 ou 25 quilos de compost.
Entre as vantaxes que expoñerán aos veciños está o aforro en fertilizantes e na recollida de lixo, xa que se estima que entre o 40 e o 50% dunha bolsa de lixo doméstico está formada por residuos orgánicos.
Aducirán tamén que a compostaxe contribúe a reducir a contaminación xa que canto máis preto se aproveiten os residuos orgánicos máis se reducirá o consumo de combustibles para o transporte, haberá menos acumulación de residuos en vertedoiros e contribuirase a unha redución notable de substancias tóxicas e gases nocivos.
Relacionadas:
-
98 veciños de Portonovo, 3 asociacións e 3 negocios adhírense á compostaxe comunitaria
Por Redacción |
-
Medio Ambiente solicitará á Deputación un composteiro comunitario para Portonovo
Por Redacción |
-
Propoñen situar un composteiro comunitario ao carón do colexio de Dorrón
Por Redacción |
-
Sanxenxo habilita unha lista de reservas para adxudicar os composteiros da Deputación
Por Redacción |
-
A Deputación decidirá en xaneiro onde instalar os primeiros centros de compostaxe comunitarios
Por Redacción |
-
A Deputación de Pontevedra facilita a compostaxe na provincia a través do programa Revitaliza
Por Noticia patrocinada |
-
Máis cartos para a compra de composteiros individuais
Por Redacción |