A participación dos traballadores de Elnosa no pleno de Poio remata con tensión e ameazas
Por Anxo Lourido
Ao berro de "Elnosa non se pecha" abandonaron máis de sesenta traballadores desta fábrica, acompañados de familiares, o Concello de Poio tras a aprobación da moción do BNG na que se solicita á Xunta de Galicia o cesamento da actividade da factoría química e de Ence nas instalacións que ocupan na ría de Pontevedra.
Ás 19:30 horas, antes do inicio do pleno non se agardaba a tensión coa que concluíu a intervención dos traballadores. Ás portas do Concello, fronte ao mosteiro de Poio, vestindo camisetas verdes co lema "Eu Elnosa" os traballadores xuntábanse para asistir á sesión plenaria. Na contorna da Casa Consistorial non se vía a un só axente da policía local. Arriba, o alcalde nacionalista Luciano Sobral explicaba que a moción sobre Ence e Elnosa sería o primeiro punto do día e sinalaba que o portavoz dos traballadores tería un tempo apróximado de dez minutos para expoñer as súas demandas. O propio Luciano Sobral colaborou cos representantes sindicais, cando chegaron á sala de plenos, para que se atopasen cómodos mentres estendían a pancarta na que reivindican a continuidade da electroquímica en Lourizán e a defensa dos seus postos de traballo.
As cadeiras do salón plenario non chegaron a nada ante a presenza masiva dos traballadores, xunto a eles numerosos nenos portando pancartas nas que se lía "BNG=Paro" e "Poio, destruíndo futuro". Entre os presentes atopábanse os secretarios comarcais de CC.OO. e de UGT, José Luis García Pedrosa e Ramón Vidal.
O pleno iniciouse coa intervención do presidente do comité de empresa de Elnosa, Avelino García, que expuxo ante os concelleiros das tres forzas políticas, BNG, PSOE e PP, que numerosos empregados de Elnosa son veciños de Poio e que resulta necesaria a permanencia da empresa en Lourizán porque, ademais, garantiu un investimento de 30 millóns de euros para un cambio tecnolóxico que evite a utilización de mercurio. Despois, criticou aos membros do equipo de goberno e acusounos de carecer de coñecementos sobre a empresa nin sobre a produción que se realiza na factoría. Rematou afirmando que van defender con "unllas e dentes o futuro dos nosos fillos".
A continuación, a concelleira do BNG, Silvia Díaz, expuxo a moción que presentaba o grupo nacionalista na que se solicita a paralización da prórroga da concesión. A concelleira sinalou a necesidade de recuperar a ría para outras actividades como a pesca ou o marisqueo e, a partir dese momento, comezaron as interrupcións. Jaime Iglesias, anterior presidente do comité de empresa, tachou de "mentireira" á concelleira e preguntándolle: "como podedes dicir que a ría está contaminada con toda a xente que vive dela?". Os traballadores arremeteron contra Silvia Díaz dicíndolle que irían comer á súa casa cando quedasen sen emprego e acusándoa de non preocuparse por eles porque "está empregada", ao que a concelleira indicou que se atopa no paro.
Tamén tivo que aguantar todo tipo de insultos e de reproches a portavoz socialista Consuelo Besada que comezou a súa intervención indicando que a situación desta empresa era complexa e que ela entendía as súas protestas porque tamén estivera no paro, ao que foi respondinda cun "pero nós non che levamos ao paro" por parte dun dos empregados. A concelleira socialista indicou que o seu partido sempre defendera o traslado a outra localización. Un dos integrantes do comité contestoulle: "Chelo, sabemos que non hai traslado".
Pola súa banda, Ángel Moldes, portavoz do grupo municipal do PP, pediu que se lese textualmente a moción e sinalou que no momento actual non se pode falar de traslado e defendeu a postura da Xunta e do Goberno central para manter á empresa en Lourizán porque "non hai informe que diga que afecte á ría". Concluíu a súa intervención sinalando que a marcha de Elnosa non vai causar problema aos grandes empresarios senón a veciños como os que se atopaban na sala.
"Quedamos coas vosas caras, que agora somos inimigos persoais"
Como era de esperar, os concelleiros nacionalistas e socialistas votaron a favor da moción e o Partido Popular rexeitouna, salvo un dos seus concelleiros que por traballar en Ence decidiu absterse.
A partir dese momento, a tensión aumentou e os traballadores comezaron a cualificar aos membros do equipo de goberno de "corruptos de merda" e Avelino González indicou ao alcalde que detrás dos traballadores hai fillos e que ían defendelos, acusando ao BNG e ao PSOE de "non importarlles as persoas". Jaime Iglesias chegou a dirixirse aos concelleiros dicindo que "Quedamos coas vosas caras, que agora somos inimigos persoais. Este de aquí é o meu fillo. Eu vou ir a polos vosos tamén. Isto xa é unha cuestión persoal". O presidente do comité terminou anunciando que acudirán a todos os plenos nos que se tente ir contra os seus postos de traballo. Con estas palabras, facendo soar bucinas e chifres, os traballadores deixaron a sala, cando pasaban dez minutos das 20.00 horas, no medio do silencio dos membros da corporación.
Relacionadas:
-
Os comités de Elnosa e Ence únense no pleno de Barro para reivindicar a continuidade das factorías
Por Diego Torrado & Anxo Lourido |
-
Lores acepta recibir á dirección de Elnosa, pero avísalles: "Non se poden quedar"
Por Redacción |
-
O comité de empresa de Elnosa solicita a intervención no pleno de Poio
Por Anxo Lourido |
-
Medio Ambiente e Industria, dispostas a que Elnosa permaneza na ría se elimina o mercurio
Por Anxo Lourido |
-
Lores comprende os traballadores de Elnosa pero mantén que a empresa debe abandonar a ría
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |