Os traballadores sanitarios esixen no xulgado poder gozar dos moscosos
Por Redacción
A Agrupación de Profesionais da Saúde de Galicia (Prosagal) acudiu este luns ao Xulgado do Contencioso número 1 de Pontevedra, no cal testificou a Dirección de Enfermería do Complexo Hospitalario de Pontevedra (Chop), debido á problemática existente en toda Galicia polo dereito dos traballadores para gozar dos chamados "moscosos", é dicir, os días de libre disposición.
As responsables de Prosagal lembran que "son máis de dez sentencias gañadas a favor do traballador", e de "obrigado cumprimento" segundo o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. O deste luns foi o segundo xuízo que se celebra para pedir a execución de sentenza, "xa que o Sergas segue sen cumprir coa lei".
Desde Prosagal insisten en que seguen á espera dunha entrevista co conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, e coa directora de Recursos Humanos da Dirección Xeral do SERGAS, Margarita Prado Vaamonde.
"Queremos que escoiten as nosas queixas, buscamos solucións e non máis conflitos, dependemos deles e estamos fartas de que nos ignoren.
Que necesitan? Máis demandas? Que vaiamos manifestarnos diante da Consellería para solicitar unha entrevista? Pois se é necesario farémolo, desde aquí pedímoslle que deixen de crear máis conflitos entre os sanitarios e que dea as ordes oportunas para que apliquen a lei", declararon desde este sindicato.
Prosagal esixe á administración "que empregue ben o diñeiro de todos os usuarios e que non o malgasten pagando máis costas innecesarias, sabemos que non lles custa nada xa que o diñeiro que empregan e co acoden aos xulgados é o de todos os galegos e con isto só demostran unha vez máis, o pouco que lle importa a sanidade pública e os profesionais sanitarios", concluíron.