A lonxa do Grove foi a primeira rula de Galicia en volume de descargas de centola en 2014
Por Redacción
A conselleira do Mar, Rosa Quintana, visitou este martes a lonxa do Grove e destacou que o ano pasado esta rula arousá foi a primeira de Galicia en volume de descargas de centola e en facturación por esta especie.
A lonxa do Grove “é emblemática na comercialización desta especie tan prezada e única polo seu sabor e calidade”, subliñou a conselleira. Neste sentido lembrou que no ano 2014 se poxaron 41 toneladas de centola por valor de 640.000 euros. Un crustáceo que se pode atopar dende onte nas lonxas, ao iniciarse a campaña na parte litoral que vai desde Cabo Corrubedo ata A Guarda.
A conselleira lembrou que “estamos diante dun dos produtos estrela e máis agardados desta zona” e aproveitou para facer referenza ás descargas xerais desta lonxa. Así, trasladou que no que levamos de ano descargáronse preto de 560 toneladas de peixe e marisco por un importe de máis de 4,5 millóns de euros.
Rosa Quintana salientou que o seu departamento apoia e impulsa decididamente a comercialización dos produtos procedentes da pesca e da acuicultura.
Nesta liña, fixo fincapé na importancia de establecer mecanismos e medidas para acadar unha mellor comercialización dos nosos produtos do mar na súa primeira venda. Así, destacou que o importante é como se vende, que se comercialice ben e conseguir que á hora de mercar produto os compradores valoren todo o esforzo dos profesionais que traballan no mar para poñelo á venda.
Relacionadas:
-
O Parlamento insta á Xunta a ampliar a lonxa do Grove
Por Redacción |
-
Un macho de 4,3 quilos e unha femia de 2,3 gañadores do concurso de Centola Viva
Por Redacción |
-
Os mariñeiros cumplen cos topes no primeiro día da campaña da vieira
Por Redacción |
-
Abre a campaña extractiva da centola e do boi
Por Redacción |