Alimentos para 25.000 pontevedreses ata a próxima primavera
Por Redacción
Un ano máis, a Gran Recollida Solidaria organizada polo Banco de Alimentos da provincia de Pontevedra foi todo un éxito.
Aínda que a cifra de doazóns recollida durante o venres e o sábado é provisional, ata o reconto definitivo dos próximos días, calcúlase que se recibiron preto de 275.000 quilos de comida nos diferentes establecementos comerciais que colaboraban con esta iniciativa.
Trátase dunha cifra que supera amplamente os 265.000 quilos de alimentos recollidos o pasado ano.
"Estamos profundamente emocionados coa resposta dada unha vez máis pola cidadanía á que lle pediamos que apelase ao seu corazón nesta cita tan importante e, sen dúbida, así foi", comentou o presidente do Banco de Alimentos, Pedro Pereira, que agradeceu a sensibilidade de todas as persoas que doaron comida nas 133 superficies adheridas a esta campaña, entre outras, en Pontevedra, Marín, Vilagarcía ou Sanxenxo.
Ademais, Pereira destacou tamén a actitude comprometida dos 1.500 voluntarios cos que contou durante este evento e que demostraron un comportamento solidario exemplar.
Segundo cálculos da entidade, cos alimentos recollidos este fin de semana, prevese poder seguir axudando aos 150 colectivos sociais cos que traballa, polo menos, ata a primavera de 2015. A través destas ONG, o Banco de Alimentos chega a unhas 25.000 persoas con dificultades en toda a provincia.
No que vai de ano 2015, repartíronse xa máis dun millón de quilos de alimentos.