Cooperación internacional: aprendizaxe e ensino para o empregado público
Por Cristina Saiz & Marisa Ciordia
Fondo Galego de Cooperación, Concello de Pontevedra e Universidade de Vigo participaron na organización da décima Xornada anual de Cooperación Internacional. A década coincidía co mesmo aniversario do programa 'Vacacións con traballo' que centrou as conferencias dos participantes. Experiencias que tiñan un denominador común: ser empregados públicos.
Cabo Verde, Nicaragua e Cuba foron os destinos aos que viaxaron Ana Ferradáns desde o Concello da Estrada, María López desde o Concello de Neda e Jorge Duarte desde o Concello de Santiago. Como sinala o dicionario da Real Academia Española, cooperar é "obrar xuntamente con outro e outros para a consecución dun fin común". E ese fin é aprender e ensinar. A cooperación internacional é unha sinerxia para o empregado público, como ratifica Jorge Duarte. El é arquitecto e en 2009 participou nun proxecto de rehabilitación de edificios tradicionais en Santiago de Cuba.
"O fundamental é iso, non pensar que desde aquí ímoslles a dar solucións modernas, senón que aprendan a ver alí o que ten a súa cultura tradicional e a súa forma de facer as cousas e partindo desa base, que poidan avanzar. Nós aquí tivemos esa etapa na que eles están agora: valorar en exceso a modernidade, subestiman a madeira e valoran en exceso materiais como a chapa e o formigón. Foi enriquecedor aprender da súa arquitectura tradicional e explicarlles como a poden reutilizar, que abandonen as prácticas de cegarse ante a modernidade e pensar que todo o que vén de fóra é mellor; que é algo que aquí tamén nos pasou", explica Duarte.
Xa de volta en Santiago, tocou tratar de aprender: "convidamos o arquitecto da Oficina de Conservación para dar unha charla no Colexio de Arquitectos. Parecíame moi importante aprender como a súa arquitectura tradicional regulaba o clima, era arquitectura bioclimática sen tecnoloxía e pareceume que aquí era importante coñecer como nosa tradición de tantos anos construíndo pode sacar novos ensinos que non pasan por ter moito diñeiro para instalar aire acondicionado".
Ana Ferradáns participou en Cabo Verde nun proxecto con menores este mesmo ano. Deixou en funcionamento o sistema de Rexistro que alí non utilizaban os traballadores públicos e trouxo "a sinceridade para recoñecer en que fallamos os funcionarios e a súa dispoñibilidade e facilidade para aprender".
En Nicaragua durante 2006, María López participou nun programa con infancia traballadora. Ensinoulles que se era necesario para eles que os menores traballen -nunca ser explotados-, tamén é necesario que dediquen unhas horas á educación e ao lecer. A aprendizaxe para ela "supúxome un choque moi profundo, porque aquí falamos de países desenvolvidos, e referímonos a termos económicos, pero se falamos de valores hai unha gran distorsión respecto diso". De feito tróuxose diversos recursos do seu patrimonio inmaterial para seguir desenvolvendo aquí o seu labor como educadora social.
Relacionadas:
-
A experiencia do Fondo Galego, exemplo para Portugal, Alemaña e Holanda
Por Redacción |
-
A Casa das Campás acollerá este xoves as X Xornadas Anuais de Cooperación
Por Redacción |
-
Pontevedra accede por vez primeira ao comité executivo do Fondo Galego de Cooperación
Por Redacción |
-
Pontevedra, capital da cooperación municipalista
Por Natalia Puga |